Ir o contido principal

María Antonia Arias, nova decana da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais

María Antonia Arias Fernández
María Antonia Arias Fernández

A profesora do Departamento de Socioloxía María Antonia Arias Fernández acaba de ser elixida, por unha ampla maioría de votos (22) dos integrantes da Xunta de Facultade, nova decana da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago. Nestes próximos catro anos Arias estará acompañada no seu equipo de goberno polo profesor da área de Ciencia Política Ramón Bouzas como vicedecano e pola profesora Irene Rodríguez, da área de Relacións Internacionais, como secretaria, ambos os dous con ampla experiencia en xestión. O reto máis inmediato ao que se enfronta o novo equipo decanal é a revisión do plan de estudos da facultade, que debe estar aprobado en maio de 2014. A lexislación nesta materia obriga a que os planes de estudos adaptados a Bolonia (Ciencias Políticas e da Administración e Matemáticas foron os primeiros centros da USC en ter títulos de grao) se revisen no prazo de seis anos. Por iso, María Antonia Arias considera urxente a creación da comisión encargada desta tarefa, “que deberá integrar a docentes de todas as áreas de coñecemento e o alumnado”. A defensa do público non contexto actual de crise e atender as reivindicacións do persoal de administración e servizos do centro son outros dos obxectivos que se formula para estes catro anos.

María Antonia Arias Fernández, que releva no cargo a Nieves Lagares, é profesora titular da área de Socioloxía. A carreira docente e investigadora comezouna no Departamento de Socioloxía IV da Complutense de Madrid, obtendo no curso 1991-1992 a súa praza na Universidade de Santiago. As súas liñas de investigación articúlanse en torno á práctica sociolóxica cualitativa e metodoloxía da investigación social.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.02.2013.