Ir o contido principal

María Arce, alumna do programa de doutoramento de Filoloxía Alemá da USC, acada o primeiro premio do Certame Galego de Creadores Novos de Poesía

María Arce Barreiro, alumna do programa de doutoramento de Filoloxía Alemá da USC, acadou o primeiro premio do Certame Galego de Creadores Novos de Poesía pola súa obra A máquina de horas. María Arce é licenciada en Filoloxía Alemá pola USC, onde realizou tamén parte da súa formación como doutoranda. Agora continúa co seu doutoramento no ámbito dos Estudos Medievais Comparados como bolseira da Fundación Barrié de la Maza na Universidade de Freiburg, en Alemaña.
"A máquina de horas" é un poemario constituído por unha colección de textos líricos escritos na súa etapa de estudante. En palabras da propia autora, os temas constantes no conxunto, a experiencia da dor indivual e colectiva e a toma de conciencia da propia morte, cóbrense dun ton ambiguo, case bipolar, que avanza do dramático ao épico e ata o irónico. Estes temas maniféstanse a través de imaxes escuras e carnais, propias e alleas, de homenaxes pictóricas (ao "Tríptico 1944" de Francis Bacon) e de citas implícitas e explícitas, que delatan a influencia de Nerval, de Celan, de Pavese, de Bachmann ou dos "poemas á morte" clásicos xaponeses.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.11.2007.