María José Alonso, elixida secretaria da Controlled Release Society
A catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC María José Alonso foi elixida secretaria da Controlled Release Society (CRS), a sociedade científica máis relevante a nivel mundial no ámbito dos sistemas de liberación de fármacos. O nomeamento e elección da doutora Alonso para o cargo tivo en conta a súas traxectoria no campo da ciencia e a tecnoloxía orientada á liberación de medicamentos.
O laboratorio de María José Alonso foi pioneiro en numerosos achados no campo da tecnoloxía nanofarmacéutica e a nanomedicina. Ademais, a investigadora coordinou varios consorcios de investigación internacionais financiados pola Organización Mundial da Saúde (OMS), a Fundación Gates e a Comisión Europea e actualmente participa en cinco proxectos europeos, ademais de coordinar o consorcio TRANS-INT UE.
É autora de máis de 230 publicacións científicas con máis de 11.500 citas (factor h 65) e artífice de 18 familias de patentes. Segundo o ránking internacional Times Higher Education e atendendo á calidade das súas investigacións, sitúase entre os dez mellores investigadores do ámbito da farmacoloxía. Ademais forma parte do consello editorial das dez revistas científicas máis importantes do seu ámbito e ten recibido numerosos premios entre os que destacan o Jaume I de Novas Tecnoloxías, o Novoa Santos e o premio María Josefa Wonenburguer.
Vicerreitora de Investigación entre 2006 e 2010, foi asesora do Ministerio de Ciencia e Innovación para a elaboración da Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación de 2011 e formou parte do consello asesor do Ministerio de Sanidade. É membro de tres academias, a Real Academia Nacional de Farmacia, a de Farmacia de Galicia, e a Real Academia Galega de Ciencias. Tamén ten desempeñado cargos de responsabilidade en varias sociedade científicas, entre elas a CRS da que agora ocupará a secretaria. A súa primeira achega a esta Sociedade foi como fundadora do capítulo hispano-portugués (1994) e máis tarde como asesora científica (1995-1998 e 2012) e dende 2013 como membro da xunta directiva.
Con sede en Minnesota e máis de 2.000 membros asociados, a CRS é unha organización internacional cuxo primeiro obxectivo é “promover o avance na ciencia e tecnoloxía de liberación de moléculas activas para solucionar retos globais”. Reúne científicos/as, profesionais da medicina, a enxeñaría e técnicos nunha rede multidiscplinar orientada a ampliar o coñecemento na materia.