Ir o contido principal

María José Alonso ingresa na Real Academia Nacional de Farmacia

María José Alonso nun encontro recente cos medios de comunicación
María José Alonso nun encontro recente cos medios de comunicación

A catedrática do Departamento de Farmacoloxía e Tecnoloxía Farmacéutica, María José Alonso, ingresou este xoves na Real Academia Nacional de Farmacia. No acto de ingreso, ao que asistiu Senén Barro, a profesora Alonso pronunciou o discurso ‘Ciencia e saúde global: a brecha do desenvolvemento’, recibindo a resposta do profesor José L. Vila Jato. Incluída entre os científicos máis citados en España na área de Farmacoloxía, María José Alonso traballou ao longo da súa traxectoria académica en destacadas universidades e centros de investigación de todo o mundo como a Universidade de París Sur e o Instituto Tecnolóxico de Massachussets. Ademais, ten dirixido e coordinado preto de corenta proxectos de investigación, algúns deles financiados por entidades de relevancia internacional tales como a OTAN, a OMS, a Comisión Europea e a Bill and Melinda Gates Foundation. A súa atención investigadora céntrase fundamentalmente nos problemas de saúde global a través do uso de nanotecnoloxías, traballo que lle reportou varios premios de investigación por parte de asociacións científicas, revistas especializadas e fundacións. Ademais, liderou e participou na coordinación de diversas asociacións científicas internacionais e plataformas tecnolóxicas (a española e a europea de nanomedica) e redes (Red Galenos Marie Curie), formando parte do comité editorial de oito revistas internacionais. Xunto a ela se teñen formado 18 doutores, ademais de numerosos visitantes investigadores de todo o mundo (Chile, México, Brasil, Estados Unidos, Suecia, Francia, Austria, Portugal, Italia, Irán ou Tailandia). Froito deste labor son doce patentes internacionais e case 200 artigos científicos (factor H:43, 5.800 citas).

Completando o perfil, realizou labores de xestión e asesoramento entre as que destacan a súa implicación actual no programa de ‘Social and Ethical Issues- Grand Challenges in Global Health- Bill and Melinda Gates Foundation’, a súa participación como asesora do Ministerio de Ciencia en Innovación para a elaboración da Lei da Ciencia e, especialmente, a súa etapa como vicerreitora de Investigación e Innovación na USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.06.2010.