María José Alonso obtén o Premio ASEICA 2022 nas súas categorías de ‘Muller e Ciencia’ e ‘Compromiso Social’

A Asociación Española de Investigación sobre o Cancro (ASEICA) acaba de outorgar o Premio ASEICA 2022 nas súas categorías de ‘Muller e Ciencia’ e ‘Compromiso Social’, á catedrática da USC, María José Alonso. O Premio ASEICA-Muller recoñece a profesionais que destacan como referentes na visualización, promoción e impulso de mulleres científicas no campo da oncoloxía. “María José Alonso é un referente do perfil de investigadoras forxadas a si mesmas, que chegaron ás cotas máis altas de recoñecemento internacional impulsando no seu camiño ao talento novo, particularmente a mulleres científicas”, sinalou Marisol Soengas, vicepresidenta da asociación e responsable de ASEICA-Muller.
Maria José Alonso é pioneira no campo da nanomedicina, onde realizou descubrimentos que a levan a estar entre o persoal investigador máis influente no campo de compostos biofarmacéuticos. A profesora da USC coordinou varios consorcios de investigación financiados pola OMS, a Fundación Gates e a Comisión Europea, participando en numerosos proxectos internacionais, é autora de 300 contribucións científicas con máis de 34.000 citas e inventora de 22 familias de patentes.
A investigadora da USC agradeceu este recoñecemento a ASEICA e indicou que “o meu laboratorio está moi comprometido no desenvolvemento de novas estratexias terapéuticas para combater o cancro, particularmente no ámbito da medicina personalizada e, sobre todo, estou moi comprometida co desenvolvemento científico e profesional das mulleres”.