Ir o contido principal

María Moure fala este venres na Escola Politécnica Superior de Lugo sobre usos e tradicións das plantas medicinais no Courel

A licenciada en Farmacia pola USC e autora dunha tese de doutoramento sobre a utilización tradicional das plantas medicinais na Serra do Courel, María Moure Oteyza, ofrecerá este venres, a partir das 10.00 horas, na aula 15 da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, un relatorio que se desenvolverá baixo o título ‘Estudo etnomedicinal da Serra do Courel: Sabedoría e tradición’.

A sesión informativa e divulgativa guiada por Moure Oteyza prolongarase durante toda a mañá, xa que logo dunha primeira intervención de carácter informativo e explicativo, a relatora manterá un coloquio aberto coas persoas participantes. Esta actividade, promovida ao abeiro do programa de IV Ciclo e que terá continuidade o sábado 19 cunha saída de campo a O Courel, servirá tamén como preludio do comezo dos estudos de IV Ciclo da USC para o curso 2015-16. Daquela, o coordinador en Lugo deste programa formativo dirixido a maiores de 50 anos, o profesor Emilio Carral, informará no marco desta sesión, ás 11.45 horas, sobre as novidades e prazos de matrícula no programa de IV Ciclo da USC para o próximo curso académico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.09.2015.