María Xosé Rodríguez Galdo comparece este luns no Senado na comisión de estudo sobre a despoboación en zonas de montaña

A catedrática e directora do Centro de Estudos Avanzados da USC, María Xosé Rodríguez Galdo, comparecerá no Senado este luns 12 de xaneiro, no marco da comisión especial de estudo sobre as medidas a desenvolver para evitar a despoboación en zonas de montaña.
A catedrática do Departamento de Historia e Institucións Económicas da USC aproveitará a súa intervención para amosar unha ollada global sobre as múltiples e complexas connotacións que ten a montaña nos eidos socioculturais, económico, xeográfico, demográfico... O caso de Galicia e a realidade galega terán un destacado protagonismo na comparecencia de Rodríguez Galdo na comisión especial de estudo sobre as medidas para evitar a despoboación en zonas de montaña, un espazo no que reiterará a necesidade de adoptar medidas que contribúan tanto á protección do medio rural como á oferta de novas posibilidades que melloren a calidade dos seus habitantes. A contribución das universidades, tanto das súas investigacións e estudos, como das iniciativas empresarias desenvolvidas nunha fase posterior e orientadas ao desenvolvemento local, serán outros dos argumentos esgrimidos por María Xosé Rodríguez Galdo na súa intervención no marco desta comisión especial creada na Cámara Alta.