O martes 20 ás 6.14 horas comeza a Primavera
O vindeiro martes 20 ás 6.14 horas é o momento preciso no que comezará a Primavera no hemisferio norte. Cunha duración de 92,75 días, esta estación estenderase ata ás 1.09 minutos do 21 de xuño, instante no que comezará o verán. O inicio da primavera está marcado polo paso do sol polo punto Aries, o equinoccio de marzo, un dos puntos de corte da órbita terrestre (a eclíptica) co ecuador celeste. Como sinala o director do Observatorio Astronómico ‘Ramón Mª Aller’ da USC, José Ángel Docobo, o próximo martes a duración do día e da noite serán teoricamente iguais. A partir dese momento os días seguirán medrando ata o solsticio de xuño, alcanzando unhas 15 horas de duración. O martes 20 o sol sairá exactamente polo Este para poñerse polo Oeste, aínda que segundo avance a estación tanto o albor como o solpor terán lugar cada vez máis cara o norte. Dado que a primeira lúa chea da primavera terá lugar este ano o dia 6 de abril, o domingo de Pascua cadra o dia 8 por ser este o domingo inmediato. A festa da Ascensión en Santiago prodúcese sempre 39 días despois deste domingo. Fenómenos astronómicos Astronomicamente falando, destaca Docobo, a Primavera semella este ano “un pouco pobre de fenómenos sobranceiros na Península xa que non serán visibles aquí nin a eclipse anular de sol do 20-21 de maio nin a eclipse parcial de lúa do 4 de xuño”. Pola contra, o director do Observatorio da USC engade que se poderá seguir, aínda que non en condicións moi favorables, o tránsito de Venus na mañá do 6 de xuño pero só no nordés da Península e nas Illas Baleares. Na mesma liña, o astrónomo lembra que o 18 de abril haberá unha boa oportunidade para ver a simple vista o planeta Mercurio cara o Este no crepúsculo matutino. Polo demais, Marte e Saturno estarán visibles durante boa parte da noite ao longo de toda a estación que comeza. A mediados de maio, Xúpiter que se estivo vendo en conxunción con Venus nas últimas semanas, pasará a ser luceiro matutino. Remata o inverno máis seco Dende o punto de vista meteorolóxico, o Observatorio Astronómico da USC sinala que con este cambio de estación remata o inverno mais seco dende 1948, ano no que se comezaron a rexistrar estes datos na estación do Observatorio Astronómico Ramón María Aller. Foron 69,4 litros/m2 os que se rexistraron dende o dia 21 de decembro ata o 16 de marzo. Aínda que compre contabilizar a chuvia prevista para este fin de semana –concreta José Ángel Docobo- “ dificilmente se chegará aos 114 litros/m2 contabilizados no inverno de 1948-49”. No polo oposto, atópase o inverno de 2000-01 cando, co pluviómetro manual do OARMA, se mediron 1.445,7 litros/m2. Neste mesma tendencia, o director do Observatorio sinala que no período dos últimos doce meses, dende o comezo da Primavera de 2011 ata agora, en Compostela só se rexistraron 903,5 litros/m2, é dicir, a metade da media en doce meses.