O martes comezan as rutas en bicicleta ao Gaiás
A Fundación USC Deportiva organiza durante os meses de verán un programa de visitas á Cidade da Cultura a pé e en bicicleta que comezan o día 26. As actividades son de balde, pero é preciso inscribirse con antelación. O programa ‘Rodando ao Gaiás’ ofrece dous percorridos en bicicleta para achegarse á Cidade de Cultura, unha ruta familiar (para maiores de 11 anos) de 10 quilómetros e outra técnica (para maiores de 13) de 11 quilómetros. A familiar realizarase os días 26 de xuño, 31 de xullo, 21 de agosto e 18 de setembro, mentres que a técnica será o 10 de xullo, o 14 de agosto e o 4 de setembro. Todas as rutas sairán dende o estadio de San Lázaro ás 17.30 horas e, tras un percorrido explicativo pola cidade, desembocarán no Gaiás onde as persoas participantes asistirán a unha visita guiada polo complexo para logo proceder ao descenso. Camiño ao Gaiás Os mércores de xullo, agosto e setembro será a quenda dos roteiros. ‘Camiño ao Gaiás’ pretende ofrecer novas rutas para chegar a pé á Cidade da Cultura. Acompañados por monitores da Fundación USC Deportiva, as persoas participantes concentraranse no centro histórico de Santiago –a saída terá lugar na Praza de San Roque- e subirán uns seis quilómetros a pé ata o Gaiás por sendas nas que recibirán explicacións tanto das xoias arquitectónicas e patrimoniais como naturais que vaian atopando. Unha vez arriba, serán recibidos por un dos guías da Fundación Cidade da Cultura, completando o seu percorrido cunha visita guiada ao exterior e interior do complexo. A actividade desenvolverase todos os mércores dende o 4 de xullo ata o 26 de setembro e a ruta arrancará ás 17:30 horas. Ao igual que as rutas en bici, os menores poderán participar sempre e cando vaian acompañados dun adulto.