Martí Parellada presentou na USC o estudo sobre as universidades españolas dende unha perspectiva autonómica da Fundación CYD

O catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Barcelona e coordinador xeral do Informe CYD, Martí Parellada, ofreceu este xoves no CEA unha conferencia na que explicou un estudo realizado pola mesma Fundación que presenta de xeito cuantitativo a realidade das distintas comunidades autónomas no relativo aos seus respectivos sistemas universitarios.
No acto, que ademais coincidiu coa presentación en Madrid do Informe CYD 2017 que sitúa a USC entre as universidades con maior rendemento de España, acompañaron a Parellada o reitor Juan Viaño e o director xeral de RedEmprendia, Senén Barro.
Segundo ‘ Las universidades españolas. Una perspectiva autonómica. 2016’, a nota media do expediente académico do alumnado que finalizou o seu grao na USC durante 2013-2014 foi de 7,43, por riba da media galega (7,36) e a española (7,29). O de másteres finalizou cunha media de 8,42, tamén por riba das outras. Ademais, a taxa de rendemento en grao -a relación en termos de porcentaxe entre os créditos aprobados e os matriculados- ascende a 77,4%, (74,6% para o conxunto do SUG e 77,2 na media estatal).
A USC foi ademais no curso 2015-2016 a universidade galega cunha maior demanda, un total de 8.261 preinscricións ou solicitudes de novo ingreso e que posteriormente se materializou en 4.352 novas matrículas. Tamén en relación á matrícula e datos de alumnado, no caso dos graos, a porcentaxe de alumnado de procedencia estranxeira é do 2,5% (a media para o SUG é do 1,3%), proporción que se duplica nos másteres oficiais, onde o alumnado estranxeiro ascende ao 6,7% (a media para Galicia é de 5,9%), maioritariamente de América Latina e o Caribe (71,3%).
O cadro docente intégrano 2.164 persoas, coa maior ratio de doutores/as de Galicia (85,6% fronte a 76,9% de media para o SUG), e a porcentaxe de mulleres sitúase no capítulo docente e investigador no 41,3 por cento. En canto ao Persoal de Administración e Servizos, a USC suma 1.249 persoas (56,1% de mulleres).
Investigacións e transferencia
O estudo informa ademais de que entre 2004 e 2014 a Universidade de Santiago contabilizou 17.902 publicacións científicas, practicamente a metade da produción do SUG neste capítulo. Ademais, entre 2006 e 2014 o persoal investigador da USC presentou 112 patentes de ámbito internacional (PCT), o 82% das presentadas na Oficina Española de Patentes e Marcas por universidades galegas, situándoa como a cuarta de España de entre as 46 da que o informe presenta datos. Igualmente, a USC figura noutras 224 solicitudes de patentes nacionais, o 47% das participadas por universidades galegas, cifra que a sitúa como a sexta de entre 48 universidades españolas.
De esquerda a dereita, Alberto Díez de Castro, Martí Parellada, Juan Viaño e Senén Barro. Foto. Santi Alvite