O Máster en Enxeñaría da Madeira da USC premia o proxecto dunha pasarela peonil no Camiño de Santiago en Portomarín

O Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural promovido pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración con Confemadera Hábitat Galicia, vén de premiar o proxecto dunha pasarela peonil sobre un afluente do río Miño, nun treito do Camiño de Santiago na saída de Portomarín cara Palas de Rei, presentado polo enxeñeiro técnico en Obras Públicas Alberto Calvo de la Cruz.
A proposta técnica feita por este titulado cántabro para suplir a vella pasarela peonil de Portomarín, unha infraestrutura metálica pola que durante anos transitaron milleiros de peregrinos camiño de Santiago, pero que na actualidade resulta intransitable e está en desuso, antóllase como unha solución que non xeraría ningún tipo de impacto visual, ao tempo que axudaría á recuperación deste treito do Camiño Francés. A pasarela de madeira deseñada por Alberto Calvo, cuxa estrutura sería de madeira laminada, quedaría ben integrada na contorna, xa que é unha infraestrutura adaptada á natureza e que mantén a harmonía coas paisaxes montañosas e boscosas na que iría emprazada, tal e como indica o propio autor. A solución técnica presentada por este enxeñeiro para habilitar unha nova pasarela peonil nesta emprazamento de Portomarín, non prevé o aproveitamento de ningún dos elementos da estrutura do viaduto existente, unha pasarela metálica de 78,5 metros de luz, asentada en catro piares de formigón armado. A nova pasarela peonil proposta requiriría asemade mudar uns metros a súa actual localización, ao tempo que esixiría o acondicionamento e a renovación do deseño dos actuais accesos. Características técnicas A nova pasarela de madeira ten unha lonxitude total de 78,50 metros de luz e apoiaríase nos extremos en dous estribos de formigón, e en dous piares centrais. O vano central, que é o máis longo, ten unha lonxitude de 54,40 metros, e os dous vanos laterais chegan aos 11,90 metros. O sistema estrutural está composto por dúas vigas continuas en celosía de 3,25 metros de altura. Cadansúa viga, segundo se especifica Alberto Calvo no seu proxecto, estaría formada por unha viga inferior e outra superior de gran canto unidas en diagonal cunha distribución tipo Warren, na que todos os elementos teñen a mesma lonxitude. Deseñáronse tamén uns pórticos formados por un lintel e dous tornapuntas dobres. Cada uno de eles combínase con la celosía cada 3,40 metros no seu eixe lonxitudinal. O deseño destes pórticos está proxectado para contrarrestar as cargas no plano transversal como consecuencia de sobrecargas, sobre todo, de vento, coa finalidade de que sexa o máis intranslacional posible neste plano. A pasarela tamén está dotada dunha cuberta que se apoia nos linteis dos pórticos dispostos de xeito asimétrico e alternados. A cuberta e a inclinación dos tornapuntas dobres laterais cumpren un papel fundamental na protección e duración da ponte. Motivación do proxecto Os coordinadores do Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural, un posgrao propio da Universidade de Santiago de Compostela que vén reforzar a xa ampla oferta de estudos que se imparten na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, optaron por propoñer ao alumnado o deseño dunha nova pasarela peonil sobre un río en Portomarín, logo de ter coñecemento, a través de distintos responsables da Xunta de Galicia, a necesidade e a conveniencia de substituír o vello e inutilizado viaduto por outra instalación máis acaída. O profesor da USC e director do Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC, Manuel Guaita, salienta que o idea exposta no seu proxecto por Alberto Calvo é, ademais de viable, moi adecuada para a zona, tal e como o salientaron os membros do tribunal independente que lle outorgaron un dos premios dos proxectos de fin de máster. Na última edición do Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural foron galardoados tamén o proxecto de recuperación e posta en valor do pazo da Finca do Espiño, en Santiago de Compostela, elaborado polo arquitecto coruñés Yago Mafé Astray. O arquitecto madrileño Pablo Ayuso Ollero tamén acadou o premio na categoría de módulos auxiliares de habitación para o Centro de Formación de Referencia en Materia de Rehabilitación. Asemade, o premio ao mellor proxecto fin de máster na categoría Rehabilitación de cuberta en Pontepedriña (Santiago de Compostela), recaeu no tamén arquitecto chantadino José Antonio Lorenzana Fernández. Ademais do recoñecemento académico, cada unha destas distincións leva unha dotación en metálico de 300 euros.