Ir o contido principal

O máster en Enxeñería da Madeira Estrutural da EPS de Lugo celebra o acto de clausura da súa segunda edición

Xa está aberto o prazo de inscrición para a terceira edición deste posgrao, o único do panorama universitario español centrado na madeira como material de construción

O venres 6 a partir das 18.00 horas, o salón de actos da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo acollerá o acto de clausura da segunda edición do máster en Enxeñería da Madeira Estrutural organizado desde a Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (Pemade) da USC. O acto estará presidido por Pedro García Herradón, vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, acompañado por Javier Bueno Lema, director da Escola Politécnica Superior; Manuel García, arquitecto técnico consultor de Proholz Austria; Elier Ojea, presidente da Confederación de Empresarios da Madeira de Galicia - Confemadera; e Manuel Guaita, director do posgrao. Nova edición do máster Entrementres, continúa aberto o prazo de inscrición para a terceira edición. Este ano, como nos anteriores, o número de prazas ofertadas será de 30: “Aínda que a demanda adoita ser moito maior, non non interesa un curso masificado e que non permite un seguimento individualizado dos alumnos, polo que limitamos a matrícula a esa cifra”, explica Manuel Guaita, director do Pemade e coordinador do máster. Este posgrao, o único das universidades españolas centrado nas posibilidades da madeira como material de construción, vai dirixido a enxeñeiros e arquitectos que queiran completar a súa formación “nun material que logo de pasar a un plano secundario durante o século pasado, está a converterse no elemento de construción máis representativo do século XXI, polo valor engadido que proporciona: calidez, beleza, resistencia, nobreza... E pola redución da contaminación e do impacto ambiental que supón o seu uso”, segundo Manuel Guaita. O curso ten unha duración de 500 horas e distribúese en 15 módulos, con materias que van desde o coñecemento da madeira como material de construción, o cálculo estrutural, o deseño de estruturas e o CAD aplicado á madeira ou a realización práctica con software de cálculo de proxectos de edificación e pontes de madeira. Máis de 50 docentes, tanto da USC como doutras universidades, da Administración ou do ámbito empresarial compoñen o cadro de profesores do máster. Durante o máster, cuxas clases se desenvolverán os xoves, venres e sábados, están programadas visitas a obras e empresas relacionadas coa industria da madeira. Nesta terceira edición, e por primeira vez, contémplase a posibilidade de impartir a distancia parte das clases, co fin de evitar algúns dos desprazamentos dos alumnos procedentes doutras comunidades.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.07.2012.