Ir o contido principal

O máster en Industria Musical aborda na segunda edición o proceso creativo neste sector

O máster en Industria Musical aborda na segunda edición o proceso creativo neste sector
O máster en Industria Musical aborda na segunda edición o proceso creativo neste sector

Logo dunha primeira edición orientada á xestión, o máster en Industria Musical iniciará en 2016 a segunda dedicado á creación musical baixo o lema ‘SongWriting & MediaScoring (Autoría de cancións e músicas para a escena e os medios)’. Dentro da oferta de títulos propios da USC, este máster diríxese a creadores con formación musical e autodidactas con paixón por crear música co obxecto de crear un punto de encontro no que en base ao intercambio de coñecemento e experiencias achegar aos participantes unha visión profesional de todos os elementos implicados no proceso creativo na música. Como explica o seu director, o profesor Xaime Fandiño, “a creatividade e a autoría son os activos sobre os que se constrúe a industria musical, e sen creadores non existe industria”. A segunda edición do posgrao pretende ofertar “unha formación integral que, ademais de desenvolver a creatividade, proporcione as ferramentas necesarias para coñecer a fondo a industria na que se podería desenvolver o futuro profesional do alumnado”. O curso desenvolverase de xaneiro a decembro de 2016 cun cadro docente multidisciplinario entre o que se atopan docentes e investigadores universitarios e profesionais e creadores. A preinscrición pode formalizar ata o 30 de outubro. As persoas interesadas poden atopar máis información na web do máster.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.08.2015.