O Máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Ambiental comeza a oitava edición en Ciencias con 22 estudantes inscritos

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, presidiu este venres o acto inaugural do Máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Ambiental, un posgrao oficial da USC que botou a andar este venres a súa oitava edición na Facultade de Ciencias de Lugo cun total de 22 novos estudantes matriculados.
O coordinador deste máster, o profesor da USC Carlos Herrero Latorre; o decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos; o alcalde de Lugo, José López Orozco, e o deputado provincial delegado da área de Asistencia e Cooperación dos Concellos da Deputación Provincial de Lugo, tamén participaron no acto de apertura deste posgrao oficial, unha sesión que serviu asemade para proceder á entrega de diplomas aos 22 estudantes que veñen de rematar a formación deste posgrao logo de presentar con avaliación positiva cadanseu traballo final de máster. Esta sesión académica, que serviu para lembrar como se fraguou o deseño deste programa de posgrao oficial da USC, que é resultado da cooperación de distintas administracións públicas e tamén de entidades privadas, serviu para poñer de manifesto a demanda sustentable que rexistra este programa formativo, un posgrao oficial que resulta atractivo para un abano de titulados universitarios moi amplo e que ano tras ano rexistra unha demanda de matrícula moi superior ao número de prazas ofertadas. A viabilidade económica deste posgrao está tamén garantida en virtude dun convenio de financiamento que vén de renovarse coa Deputación Provincial de Lugo, así como pola colaboración mantida tamén por outras entidades públicas da Administración autonómica e, entre outros, polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo, que se ten erixido como un dos grandes valores deste máster. A modalidade semipresencial deste posgrao oficial da USC, que se pode cursar, cando menos de xeito parcial a través da plataforma virtual deseñada por Escola, ademais do interese da temática dun programa que inclúe contidos formativos das distintas especialidades da Prevención de Riscos, e do amplo abano de competencias profesionais que faculta aos titulados que completan esta formación, son, segundo indicaron os responsables deste máster, algunhas das súas fortalezas.