O Máster en Procuradoría será unha titulación conxunta entre as tres Universidades galegas

O Máster que capacita para o exercicio profesional da procuradoría dos tribunais impartirano de maneira conxunta as tres universidades galegas. Así o acordaron este mércores os reitores das Universidades públicas galegas xunto cos decanos dos Colexios de Procuradores da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo e co Consello Galego dos Procuradores de Tribunais de Galicia na sinatura do convenio que regula o Máster Interuniversitario en Procuradoría así como as prácticas do seu estudantado. O máster correspóndese co curso de formación específico ao que, unha vez rematada a carreira de Dereito, obriga o marco legal recente para exercer en España como procurador de tribunais e que establece tamén un período de prácticas formativas para logo superar unha proba final de avaliación da capacitación profesional. Será a institución docente compostelá a encargada de coordinar a titulación e será tamén nela onde comece a formación, que terá carácter rotatorio polas tres Universidades aínda que o alumnado a poderá seguir mediante videoconferencia dende a sede na que se atope matriculado. O posgrao comezará ofertando 40 prazas. A decisión de impartir este posgrao de maneira conxunta vén avalada pola experiencia de máis de vinte e cinco anos de colaboración neste campo entre a USC e o Colexio de Procuradores de Santiago a través da Escola de Práctica Xurídica de Santiago. Asinaron en San Xerome cos reitores Juan Casares, Xosé Luís Armesto e Salustiano Mato os decanos dos Colexios de Procuradores da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo, Javier Carlos Sánchez, José Ángel Pardo, Ricardo Garrido, Jesús Martínez, José Paz Montero e Manuel Castells, respectivamente. Asinaron o convenio os tres reitores e os decanos dos colexios de procuradores de Galicia. Foto: Alfonso (SERVIMAV-USC)