Ir o contido principal

O Máster de Renovación Urbana e Rehabilitación iniciou unha nova edición

O Máster de Renovación Urbana e Rehabilitación iniciou este venres 16 a súa programación académica para o presente curso da man do catedrático da Universidade Politécnica de Madrid, Ricardo Aroca, que pronunciou a conferencia de apertura, titulada ‘Unha forma de ver as estruturas’.
Esta sesión inaugural celebrouse no Salón Nobre do Colexio de Fonseca presidida polo reitor da USC, Senén Barro, ao que acompañaron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o director xeral de Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel; o secretario xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Heriberto García Porto; Jorge Duarte, da delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; e o director do Máster, José Antonio Redondo.
Corenta alumnosOs corenta matriculados, de entre os máis de cen solicitantes, que cursarán este máster traballarán sobre proxectos de renovación urbana que responden a problemas actuais dos distintos centros históricos de Galicia. Así, estudarán a rehabilitación de edificios de valor ou catalogados habitados ou baleiros, de conxuntos de edificios de valor cultural, de renovación de tecidos históricos ou, entre outros, de accesibilidade e relación entre os centros históricos e o resto da cidade.
Ricardo ArocaCatedrático de Proxectos, Deseño e Cálculo de Estruturas, Ricardo Aroca Hernández-Ros foi ademais decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid, director da Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid e vicerreitor da Universidade Politécnica de Madrid.
Na súa faceta profesional, Ricardo Aroca proxectou e dirixiu a construción do Parlamento de Andalucía e numerosas rehabilitacións ou remodelacións como a do Mercado da Porta de Toledo, dos barrios de San Pascual e de Orcasur ou da Elipa Sur, entre outras.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.10.2009.