Matemáticas acolleu o Día Mundial da Estatística

A Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO) organizou este mércores 20 na Facultade compostelá de Matemáticas os actos conmemorativos do Día Mundial da Estatística que Nacións Unidas estableceu para concienciar da relevancia deste campo científico na sociedade. O acto inaugurouno o reitor Juan Casares acompañado do presidente da SGAPEIO, Antonio Vaamonde; do director do Instituto Galego de Estatística, José Antonio Campo; e da decana da Facultade anfitrioa, Mª Victoria Otero. Esta última subliñou a relevancia deste campo de estudo por ofrecer á sociedade solucións e respostas a problemas tecnolóxicos nos ámbito da innovación, a planificación, a organización da produción tanto no sector das finanzas como no da administración pública, da saúde ou do medio ambiente. Neste mesma dirección Antonio Vaamonde referiuse á Estatística como un lugar de encontro para diversas disciplinas e cuxa vocación é a de operar como ferramenta de traballo que axude a “ resolver situacións derivadas do actual mundo de incerteza no que vivimos”. Como exemplo desta vocación e logo de realizar unha breve análise da produción estatística en Galicia, José A. Campo cualificou á estatística como un elemento fundamental no sistema de xestión e información, aludindo ademais á necesidade da prevención do seu uso indebido. Para o reitor Juan Casares, pechando a quenda de intervencións, esta disciplina pon en evidencia o sentido aplicado das matemáticas e a súa transcendencia para dotar á sociedade dunha maior capacidade de xestión e de acceso á información. Dende este punto de vista, puxo de manifesto a súa relevancia como ferramenta imprescindible en todos os ámbitos da investigación e da vida. Logo do acto inaugural, desenvolveuse un panel sobre a estatística nas ciencias da saúde, nas finanzas, na enerxía e na industria no que participaron expertos da USC, da Politécnica de Cataluña, da Universidade da Coruña e do Banco de España. O segundo panel de debate tratou a función da estatística na administración pública e no ensino. Interviñeron especialistas do Instituto Galego de Estatística, da USC e do IES Ramón Otero Pedrayo. Un instrumento con futuro A importancia da estatística, instrumento de uso inevitable na busca de coñecemento, é hoxe incuestionable, ata o punto de que a revista Science cualifica os métodos estatísticos para interpretar datos en condicións de incertidume como un dos 20 desenvolvementos científicos “máis significativos” entre os acontecidos no século XX polo seu impacto sobre a nosa forma de vida e de coñecernos a nós mesmos e o mundo que nos rodea. En palabras da Organización Mundial da Saúde, “en todos os dominios das Ciencias da Saúde, na súa vertente clínica, administrativa ou de investigación é indispensable coñecer os principios estatísticos para comprender ben os problemas, e o profesional da saúde necesita dos datos estatísticos para tomar decisións válidas”.
Os estudos de estatística son, para Pedro Faraldo, unha profesión “de pasado, presente e futuro” en numerosos campos, entre os que se poden destacar as finanzas, a enxeñaría, o medio ambiente, as novas tecnoloxías, a estatística Oficial (INE, IGE, EUROSTAT) ou as Ciencias da Saúde.
A xornada celebrouse na Facultade de Matemáticas