Ir o contido principal

As matemáticas aplicadas á oceanografía centran un encontro en Santiago

A dinámica de poboacións da pescada na costa galega ou a circulación das mareas, cuestións de análise no Workshop sobre modelos matemáticos en Oceanografía

A dinámica de poboacións das pescadas na costa galega, as técnicas de xestión ambiental en zonas costeiras ou a circulación das mareas están a ser motivo de estudo no Workshop Oceanografía e Hidráulica Estatística e Computacional que se desenvolve este venres na Facultade de Matemáticas da USC.
A inauguración estivo presidida polo vicerreitor de Profesorado, Juan Viaño, e a ela acudiron a decana da Facultade de Matemáticas, Victoria Otero; o catedrático da USC Wenceslao González Manteiga; e os coordinadores da xornada, a profesora da USC Elena Vázquez Cendón e o de Vigo, Jacobo de Uña Álvarez.
A xornada busca o encontro dos grupos de investigación que traballan dende diferentes disciplinas nun sector de enorme interese ambiental, social e económico no ámbito galego. Os problemas iniciais que motivaron as investigacións da maioría dos grupos que interveñen teñen como referencia xeográfica común a Galicia, aínda que a tecnoloxía matemática empregada é exportable a outros ámbitos xeográficos. Por iso faise fundamental a posta en común dos códigos desenvolvidos, facilitando ademais a transferencia destes coñecementos a todos os ámbitos científicos implicados e a todos os axentes económicos que os necesitan para incrementar a súa eficiencia.
Trátanse así cuestións como as diferentes técnicas de optimización para xestión ambiental en zonas costeiras ou os modelos dinámicos para a avaliación do estado de poboacións de peixes explotadas como a pescada na fachada atlántica da Península Ibérica. E é que o estudo da oceanografía e hidráulica estatística e computacional abrangue campos que permiten a súa aplicación aos derramos de hidrocarburos, á acuicultura de mar aberto ou á representación de fenómenos oceanográficos e hidráulicos, por poñer algúns exemplos.
No Workshop inteveñen investigadores da USC do Instituto Español de Oceanografía (centros oceanográficos de Vigo e Coruña) así como do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC de Vigo e outros máis que traballan en diversos campos mutidisciplinares. Está prevista así mesmo a participación de técnicos de institutos públicos relacionados coa recollida e tratamento de datos mariños.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.11.2009.