As matemáticas aplicadas á oceanografía centran un encontro este venres en Santiago
A dinámica de poboacións das pescadas na costa galega, as técnicas de xestión ambiental en zonas costeiras ou a circulación das mareas serán motivo de estudo no Workshop Oceanografía e Hidráulica Estatística e Computacional que, organizado polo Nodo Cesga de i-MATH, se desenvolverá este venres 27 na Facultade de Matemáticas da USC.
A inauguración será ás 10:00 horas nun acto ao que asisten o vicerreitor de Profesorado, Juan Viaño; a decana da Facultade de Matemáticas, Victoria Otero; o catedrático da USC Wenceslao González Manteiga; e os coordinadores da xornada, a profesora da USC Elena Vázquez Cendón e o de Vigo, Jacobo de Uña Álvarez.
A xornada busca o encontro dos grupos de investigación que traballan dende diferentes disciplinas nun sector de enorme interese ambiental, social e económico no ámbito galego. Os problemas iniciais que motivaron as investigacións da maioría dos grupos que interveñen teñen como referencia xeográfica común a Galicia, aínda que a tecnoloxía matemática empregada é exportable a outros ámbitos xeográficos. Por iso faise fundamental a posta en común dos códigos desenvolvidos, facilitando ademais a transferencia destes coñecementos a todos os ámbitos científicos implicados e a todos os axentes económicos que os necesitan para incrementar a súa eficiencia.
Trataranse así cuestións como as diferentes técnicas de optimización para xestión ambiental en zonas costeiras ou os modelos dinámicos para a avaliación do estado de poboacións de peixes explotadas como a pescada na fachada atlántica da Península Ibérica. E é que o estudo da oceanografía e hidráulica estatística e computacional abrangue campos que permiten a súa aplicación aos derramos de hidrocarburos, á acuicultura de mar aberto ou á representación de fenómenos oceanográficos e hidráulicos, por poñer algúns exemplos.
No Workshop participarán investigadores da USC do Instituto Español de Oceanografía (centros oceanográficos de Vigo e Coruña) así como do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC de Vigo e outros máis que traballan en diversos campos mutidisciplinares. Está prevista así mesmo a participación de técnicos de institutos públicos relacionados coa recollida e tratamento de datos mariños.