Ir o contido principal

Matemáticas cotiás molladas nun chocolate quentiño, lema dunha nova proposta para aproximar a ciencia aos rapaces de 14 a 17 anos

Á sesión deste xoves 12, seguiralle unha segunda o día 19

Matemáticas cotiás molladas nun chocolate quentiño’ é o suxerinte lema baixo o que se inician este xoves 12 na USC unhas xornadas que procurarán achegar aos rapaces de entre 14 e 17 anos á ciencia, principalmente ás matemáticas. Os organizadores da iniciativa tentan deste xeito combater o baixo nivel de matrícula en materias científicas na universidade así como os resultados rexistrados nestas materias no ensino secundario.
A utilización de material multimedia, actuacións teatrais, páxinas web, vídeos, maxia, papiroflexia, sesións de debate e socialización dos coñecementos e experiencias adquiridas serán os métodos a utilizar para conseguir espertar o interese e a curiosidade en temas relacionados co espírito científico. Ademais, os organizadores formulan como obxectivo transversal das xornadas poñer en valor modelos femininos neste eido, tanto na historia da ciencia como no papel da muller na investigación.
Comezando este xoves 12 na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da USC, en horario de 16:30 a 19:30 horas, as xornadas inclúen varios bloques temáticos cos lemas ‘O método científico’, a modo de iniciación ao espírito crítico e á análise da realidade; ‘As matemáticas cotiás’, na procura de exemplos sobre como esta disciplina está moi presente na vida cotiá; ‘A maxia e as matemáticas’, na que se utilizarán as matemáticas para a creación de ilusión e maxia; ‘A física tamén é cotiá’, poñendo de relevo a utilidade das matemáticas nos fenómenos cotiás con orixe na Física; e finalmente ‘O teatro e o cine’, como recurso de acercamento á ciencia.
Nesta primeira xornada participarán alumnos dos instituto de ensino medio Cabo Ortegal (Cariño), Fontexeira (Muros), Lois Peña Novo (Vilalba), San Mamede (Maceda) e A Sangriña (A Guarda). Esta mesma sesión reeditarase o próximo día 19 coa asistencia de alumnos dos centros Urbano Lugrís (Malpica), O Couto (Ourense), As Lagoas (Ourense), As Bizocas (Pontevedra) e do IES Francisco Sánchez (Tui).
Cada unha das súas sesións previstas repartirase entre 75 minutos de exposición teórica, representación teatral, proxección de vídeos, actuacións de maxia, seguidos de media hora de merenda (chocolate con churros) para rematar cunha quenda de obradoiros nos que se levará a práctica o tratado na primeira parte. Esta actividade terá lugar ao abeiro da Semana da Ciencia 2009

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.11.2009.