Ir o contido principal

Matemáticas contra o fascismo e ficcións especulativas, eixos temáticos que prenden dúas novas labaradas de Faíscas Culturais

O programa de Faísca Cultural ‘Matemáticas contra o fascismo: a serie clopen’ xira, nunha ocasión máis, arredor dunha produción do Centro Dramático Galego. FOTO: CDG
O programa de Faísca Cultural ‘Matemáticas contra o fascismo: a serie clopen’ xira, nunha ocasión máis, arredor dunha produción do Centro Dramático Galego. FOTO: CDG
Esta iniciativa da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura ten como obxectivo acender a reflexión cultural nas aulas da USC e complementar a formación do estudantado a través de intervencións e actividades de carácter cultural
Santiago de Compostela

As Faíscas Culturais continúan acendendo a reflexión e o espírito crítico do estudantado da USC. Estes proxectos artístico-pedagóxicos que se sitúan na intersección entre o coñecemento académico e a expresión artística prenden neste curso 2025/26 con dúas novas labaradas de Faíscas que levan por título ‘Laboratorio de ficcións especulativas’ e ‘Matemáticas contra o fascismo: a serie clopen’. 

O poder dos números

O programa de Faísca Cultural ‘Matemáticas contra o fascismo: a serie clopen’ xira, nunha ocasión máis, arredor dunha produción do Centro Dramático Galego, en concreto A serie clopen. A través das matemáticas, a física e a historia contemporánea reflexionarase sobre o momento político actual: o auxe dos absolutismos, dos fascismos, o aumento da desigualdade ou o novo contexto bélico. Así, nesta ocasión contarase coa participación das facultades de Xeografía e Historia, de Matemáticas e de Física. O acceso ás actividades, a cuxo programa pode accederse no web das Faíscas Culturais,  é libre para a comunidade universitaria ata completar a capacidade dos espazos.

Formas alternativas de inventar

O programa da Faísca Cultural ‘Laboratorio de Ficcións Especulativas’ toma como punto de partida a exposición Ficcións Especulativas, que botará a andar no Colexio de Fonseca o 16 de outubro e que se estenderá ata o 28 de febreiro de 2026. As diversas actividades buscan crear espazos de encontro entre a creación artística e o pensamento crítico arredor de formas alternativas de inventar, de xerar novos discursos e  de construír coñecemento. Conectando o saber académico coas linguaxes e procesos da arte contemporánea, os eventos programados buscan expandir a reflexión entre o estudantado das diferentes facultades.

Esta Faísca formula unha viaxe polo territorio onde a ciencia, a ficción e o marabilloso se entrelazan. A exposición, que reúne o traballo de máis de doce artistas, parte da idea de que toda hipótese científica nace como unha ficción: unha ollada cara ao futuro ou un intento de ver máis alá. A través da imaxinación, da ciencia ficción e dos oráculos, as creadoras e creadores participantes exploran como estes recursos axudan a concibir o mundo que está por vir e a repensar o presente que habitamos. Así, desenvolveranse  coloquios, visitas guiadas, conferencias, aulas ou obradoiros que buscarán activar a curiosidade crítica das persoas participantes. A participación nas actividades é libre para toda a comunidade universitaria ata completar a capacidade dos espazos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.10.2025.