Ir o contido principal

As matemáticas gregas, tema dunha nova sesión do ciclo de conferencias 'Unha andaina polas Matemáticas 2007'

‘As matemáticas gregas: nacemento e madurez dunha ciencia’ é o título da conferencia que a profesora do Departamento de Latín e Grego da USC María Teresa Amado Rodríguez pronunciará o vindeiro luns 7 no transcurso dunha nova sesión do ciclo de divulgación científica ‘Unha andaina polas matemáticas’. A conferencia celebrarase a partir das 17:00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas.
Segundo porá de manifesto a profesora Amado na súa intervención, as civilizacións antigas desenvolveron técnicas de medición e cálculo que se baseaban no método de ensaio e erro, pero non foron quen de chegaren máis aló abstraendo e tiran conclusións de validez universal. Ese paso dérono os gregos no século VII a.C. e supuxo o nacemento do método científico lóxico-deductivo.
A partir dese momento as matemáticas comezan a desenvolverse ata acadar a súa madureza no museo de Alexandría, con Euclides e Arquímedes. Pero este período brillante ía ser o punto de inflexión que marca o estancamento e mesmo o declive da ciencia grega. O asasinato de Hipatia, no ano 415 d.C. supón a fin da matemática antiga, que non volverá rexurdir ata os tempos modernos.
Unha andaina polas matemáticasO obxectivo das distintas sesións previstas dentro deste ciclo organizado pola Facultade de Matemáticas é amosar aos asistentes a evolución histórica dalgúns conceptos matemáticos, a importancia e fermosura de resultados clásicos e modernos, así como as aplicacións dalgunhas teorías básicas, tanto nas propias matemáticas como en disciplinas como a Arte, Arquitectura, Bioloxía, Ciencias Sociais, Enxeñaría, Física, Informática, Música e Química.
No seu conxunto, o ciclo articúlase nunha serie de dez conferencias ou seminarios cunha duración de entre 120 e 180 minutos. Os conferenciantes son docentes e investigadores universitarios procedentes da propia USC e de centros do País Vasco, Valladolid ou Granada, así como profesores do ensino secundario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.05.2007.