Matemáticas inaugura este sábado o Ano Internacional da Estatística cunha conferencia sobre finanzas cuantitativas
A Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e Investigación de Operacións (SGAPEIO), da que o profesor Pedro Faraldo é un dos vicepresidentes, desenvolve este sábado 16 na Facultade de Matemáticas unha xornada dedicada ao Ano Internacional da Estatística. Será Silvia Barco Tato, directora de Control Financeiro e Middle Office no Banco Galego, quen pronuncie ás 11.00 horas a conferencia ‘Ata onde as finanzas se poden contar’. Nela falará das finanzas cuantitativas, especialmente útiles na xestión de carteiras, a xestión de risco e a valoración de derivados, puntos de partida de miles de teses, métodos e modelos nos que as matemáticas (en concreto a estatística) e as finanzas se fusionan nunha única materia. No seu relatorio explicará cómo en xestión de carteiras nocións como rendibilidade media e covarianzas para activos permiten cuantificar o concepto de ‘diversificación’ ou cómo a meirande parte dos riscos financeiros implican situacións que se desenvolven ao longo do tempo. Ademais, para a valoración de derivados, métodos de simulación como o de Montecarlo son usados en finanzas dende os anos 40. Statistics2013 O Ano Internacional da Estatística ‘ Statistics2013’ busca pór en valor as achegas que esta ciencia realizou ao longo dos anos ao progreso da sociedade participando en multitude de disciplinas. A través de distintas organizacións en todo o mundo, Statistics2013 divulgará a importancia da Estatística para a comunidade científica, as empresas, a Administración Pública e todos os axentes que forman parte activa do mundo no que vivimos. En suma, Statistics2013 trata de aumentar a conciencia pública sobre o poder e o impacto das estatísticas sobre todos os aspectos da sociedade, promocionala como unha profesión, especialmente entre os máis novos, e dar impulso á investigación, o desenvolvemento e a innovación nas ciencias da probabilidade e a estatística. Máis actividades A conferencia deste sábado é a primeira das iniciativas coas que SGAPEIO vai celebrar o Ano Internacional das Matemáticas. Ao longo deste 2013 organizarase unha nova edición do concurso ‘ Incubadora de Sondaxes e Experimentos’, o I Encontro Portugués de Biometría e I Encontro Luso-Galaico de Biometria ou o XI Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións.