Ir o contido principal

As matemáticas, variables de éxito para a empresa

As matemáticas, variables de éxito para a empresa
As matemáticas, variables de éxito para a empresa
Os grupos de investigación españois en matemáticas colaboran con centos de empresas na mellora dos seus procesos e rendementos

A Rede Española Matemática-Industria, que preside a profesora da USC Peregrina Quintela, presentou este venres en Fonseca o catálogo de servizos que ofertan os grupos de investigación matemáticos ao eido empresarial. Actualmente a rede conta cunha carteira de máis de 400 clientes dos máis variados sectores produtivos, especialmente empresas e administracións públicas. A Rede Math-in, que inaugura a súa web (http://math-in.net), creouse en setembro do pasado ano para dar continuidade ao proxecto i-Math que agora remata. Integran polo de agora esta nova rede 29 grupos de investigación de 18 Universidades españolas ­-5 deles da USC, 2 da Coruña e 3 de Vigo- que traballan en proporcionar solucións e transferir tecnoloxía matemática aos sectores produtivos da sociedade. Xunto coa profesora Quintela participaron na rolda de prensa o director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla; e os vicerreitores de Relacións Exteriores e Internacionalización da USC, Víctor Millet; de Transferencia do Coñecemento da Universidade de Vigo, José Antonio Vilán Vilán; e de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Ricardo Cao Abad. Asistiron ademais o catedrático da USC Alfredo Bermúdez de Castro; e o profesor da Universidade Rey Jaun Carlos Laureano Escudero. Catálogo de solucións matemáticas A experiencia dos grupos de investigación españois, 62 en concreto, con maior actividade en transferencia de tecnoloxía matemática orientada á industria aparece recollida no volume Soluciones matemáticas para empresas innovadoras. Catálogo de servicios ofertados por investigadores españoles que acaba de saír do prelo. A publicación identifica a oferta investigadora por sector, dá a coñecer a demanda empresarial de técnicas matemáticas e dispón dunha guía de axuda sobre a capacidade destas tecnoloxías para resolver problemas innovadores. Trátase de achegar a pequenas, medianas e grandes empresas unha tecnoloxía cun gran potencial, con persoal investigador moi cualificado e que non precisa de grandes investimentos para o seu uso. Casos de éxito A eficacia do traballo desta rede déixase ver nas diferentes experiencias desenvolvidas ao longo destes anos con compañías punteiras e organismos de administracións públicas como Ferroatlántica I+D, Inditex, o Sergas, a Xerencia de Saúde de Castela e León ou o National Center for Tsunami Research (NCTR) da National Oceanic and Atmospheric Administration (NOAA). Estes exemplos de boas prácticas que expuxo brevemente a profesora Quintelaforman parte dunha serie de folletos que editará a Plataforma Consulting do proxecto i-MATH de casos de éxito da relación Matemática-industria vinculados aos principais sectores de actividade de España. Deseño e funcionamento de fornos de indución O grupo de investigación en Enxeñaría Matemática da USC deseñou para Ferroatlántica I+D unha ferramenta informática que lle permitiu mellorar o deseño e funcionamento dos fornos de indución. A empresa metalúrxica quería comezar a utilizar eses fornos para fundir silicio e necesitaba coñecer como era o seu comportamento. Realizar estes ensaios era demasiado custoso e a simulación numérica lles permitía estudar o problema incluso antes de adquirir o aparello. Tratamento de datos epidemiolóxicos Tamén o Servizo de Epidemioloxía da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Xunta de Galicia solicitou os servizos da rede. Colaborou entre 1992 e 2010 coa unidade de bioestatística do grupo MODESTYA da USC na análise e tratamento de cantidades inxentes de información para poder predicir e controlar os factores relacionados coa saúde e a incidencia de distintas enfermidades. Así xurdiu o software de libre distribución EPIDAT, que se converteu nun estándar nos servizos epidemiolóxicos de todo o mundo e cuxo uso se estendeu á Organización Panamericana da Saúde. A investigación abre a porta a múltiples aplicacións, como a elaboración de indicadores para valorar a eficacia dunha proba diagnóstica á hora de detectar doenzas nos pacientes ou estudos de asociación entre a exposición a un factor de risco e unha enfermidade como a exposición ao tabaco e o cancro de pulmón. Optimización da oferta de servizos sanitarios Igualmente no eido da saúde pública e vinculado ao sector de loxística, para racionalizar a oferta dos servizos de atención primaria de Castela-León puxéronse en contacto cun grupo da Universidade de Valladolid que construíu un modelo de optimización en localización, unha técnica de grandes aplicacións no sector da loxística e o transporte pero que nunca antes se puxera en marcha na administración sanitaria española. Predicir a sinistralidade Pola súa banda, a sección de seguros de INDITEX contactou co grupo MODES da Universidade da Coruña para solicitarlle un método de predición de sinistralidade que lle facilitase así a toma de decisións acerca da súa política aseguradora. O equipo universitario desenvolveu unha aplicación informática que permite obter información estatística sobre o custe total dos sinistros que ocorrerán nun período determinado de tempo baseándose na información dos sinistros do pasado. Predicir efectos dun tsunami O traballo da rede math-in transcende as propias fronteiras nacionais. De aí que a administración norteamericana encargada da investigación dos tsunamis -o National Center for Tsunami Researh (NCTR) da National Oceanic and Atmospheric Administration (NOAA)-, interesada en ampliar o rango e a validez dos modelos de simulación deste tipo de fenómenos producidos por avalanchas submarinas ou subaéreas, iniciase a colaboración co grupo EDANYA da Universidade de Málaga na busca dun modelo de predición fiable.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.04.2012.