Matemáticos de i-MATH definen novas estratexias para avanzar no ámbito da transferencia de coñecemento ás empresas
Matemáticos traballarán os vindeiros días na USC na definición de novas estratexias encamiñadas a lograr os obxectivos marcados no proxecto Ingenio MATHEMATICA (i-MATH) no ámbito da transferencia. A cita será este mércores 26 e o xoves 27 na Facultade de Matemáticas no transcurso do Workshop ‘i-Math Consulting: presente e futuro’.
i-Math é un proxecto Consolider de investigación singular para o período 2006-2011 que busca promover e executar actuacións estratéxicas de ámbito estatal que incrementen cualitativa e cuantativamente o peso das matemáticas no panorama internacional e no sistema español de ciencia, tecnoloxía, empresa e sociedade.
Ao longo das dúas xornadas programadas presentaranse os mapas de Oferta e Demanda de Tecnoloxía Matemática así como as conclusións dos contactos mantidos polos técnicos de Consulting do Nodo CESGA (un dos cinco que integran o proxecto) coas máis de 400 empresas que na enquisa TransMath manifestaron o seu interese pola iniciativa.
Traballo previoDurante os tres primeiros anos de vixencia do proxecto i-Math realizouse un destacado esforzo para dar a coñecer ás empresas a capacidade dos grupos de investigación do proxecto para levar a cabo transferencia matemática á empresa. O Mapa de Consulting i-Math, actualmente na súa terceira edición, é unhas das ferramentas deseñadas para alcanzar este obxectivo.
Ademais, e coa participación e empresas e industrias, realizáronse diversas actividades entre as que figuran semanas de modelización, xornadas de consulta, talleres de transferencia ou foros, entre outros. Así, co fin de coñecer a demanda empresarial de tecnoloxía matemática elaborouse o Mapa de Demanda TransMath que recolle unha análise estatística descritiva sobre o uso e necesidades de ferramentas matemáticas relativa a 7.500 empresas españolas.