Ir o contido principal

A matrícula para os cursos de idiomas do Centro de Linguas Modernas da USC remata o 15 de outubro

Alemán, catalán, checo, chinés, danés, francés, inglés, italiano, ruso, xaponés, portugués e galego para non galego falantes son os idiomas que se poden cursar de maneira presencial no Campus de Santiago dentro da oferta do Centro de Linguas Modernas da USC (CLM). Á vez, ofrécese a posibilidade de estudar alemán (niveis 4 e 5), checo, francés (niveis 3, 4, e 5), inglés (do 5 en adiante), italiano (niveis 2 e 3), portugués (niveis 2 e 3) e ruso (niveis 2, 4 e 5) a través dos módulos de autoaprendizaxe titorizada no Centro de Recursos de Idiomas. Xa en Lugo, ofértase alemán, francés e inglés, tanto en cursos regulares coma en módulos de autoaprendizaxe, así como galego para non galego falantes.
O CLM mantén aberto o período de matrícula ata o día 15 de outubro. As solicitudes deberán realizarse por Internet (http://matricula.usc.es/clm) ou excepcionalmente de maneira presencial no Negociado do CLM emprazado na Facultade de Filoloxía de Santiago ou no Edificio Intercentros do Campus de Lugo en horario de mañá.
Os cursos do CLM, validables por créditos de libre configuración, teñen unha duración de 80 horas a desenvolverse de outubro a xuño en quendas de luns e mércores e martes e xoves cunha ampla oferta de horarios e localizacións, dependendo da lingua. Polo que respecta aos cursos de galego para non galego falantes, os programas docentes son cuadrimestrais cunha carga lectiva de 40 horas e organízanse en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da USC e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.10.2009.