Ir o contido principal

Medicina converterase en foro de debate das técnicas máis innovadoras en cirurxía torácica-cardiovascular

Isabel Rodríguez-Moldes e Ángel Fernández González presentaron o programa do congreso
Isabel Rodríguez-Moldes e Ángel Fernández González presentaron o programa do congreso
A facultade acollerá o XXII Congreso Nacional da Sociedade Española de Cirurxía torácica-cardiovascular entre o 18 e o 20 de xuño

As técnicas menos invasoras en cirurxía torácica, as innovadoras válvulas que non precisan sutura nin abrir o tórax, os últimos tratamentos de cardiopatías conxénitas ou as novidades en transplantes e corazóns mecánicos artificiais, son algúns dos temas que se tratarán no XXII Congreso Nacional da Sociedade Española de Cirurxía Torácica que reunirá os días 18, 19 e 20 de xuño a numerosos expertos desta disciplina de todo o país na Facultade de Medicina de Santiago. A vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes Rey e do presidente da SECTCV e profesor de cirurxía da USC, Ángel Fernández González, presentaron o programa este martes aos medios de comunicación. A vicerreitora de Investigación e Innovación destacou que a cita cumpre coa función divulgativa e de transferencia de coñecemento propia da universidade, que é moi salientable no caso da área de medicina da USC, asegurou. Ángel Fernández anunciou que ao redor de 400 persoas participarán no evento no que se darán a coñecer as últimas técnicas minimamente invasoras que permiten acceder ao corazón a través de pequenas incisións e intervir mediante a utilización de cámaras de vídeo, as técnicas endovasculares que serven para corrixir enfermidades da aorta sen ter que abrir o tórax, ou as novas válvulas cardíacas que se implantan sen necesidade de sutura, entre outras. Na cita tamén se expoñerán os resultados da cirurxía de bypass aorto-coronario utilizando enxertos arteriais do propio paciente e os resultados da cirurxía da válvula mitral que permite corrixir lesións sen ter que substituír a peza. Abordaranse os avances na corrección cirúrxica dos defectos conxénitos do corazón, tanto infantil como adulto e presentaranse os primeiros resultados da implantación de corazóns mecánicos artificiais. Por último, tamén se abordarán aspectos relacionados coa cooperación internacional e a crise, xa que moitos dos membros da SECTCV colaboran con diversas ONG que desenvolven programas de cirurxía cardíaca infantil e de adultos en varios países, especialmente de África e se presentarán os resultados dunha enquisa realizada a profesionais para coñecer a incidencia da crise económica no seu traballo. O congreso comeza o día 18 cunha reunión da xunta directiva da SECTCV e dos grupos de traballo de asistencia ventricular, patoloxía da aorta, arritmias e reparación valvular para, a continuación, abordar as enfermidades da aorta e a cirurxía mitral mediante comunicacións libres. A tarde da primeira xornada contempla dúas mesas científicas tituladas ‘Tratamento da insuficiencia mitral en pacientes con insuficiencia cardíaca e alto risco cirúrxico. Abordaxe mediante dispositivos percutáneos ou cirurxía’ e ‘Empurrando os límites de Tevar: diseccións aórticas e anatomías complexas’. Para o derradeiro día tamén queda a conferencia do presidente da sociedade, o doutor José Ángel Fernández González, do Centro Hospitalario Universitario de Santiago e a presentación do novo presidente que ocupará o cargo José Cuenca Castillo do Centro Hospitalario Universitario da Coruña. As comunicacións libres da xornada do 19 estarán dedicadas ás próteses valvulares sen sutura e próteses trasncatéter, ao acceso minimamente invasor en cirurxía valvular, ás arritmias e cirurxía coronaria e á cirurxía cardíaca xeral. Están programadas as mesas científicas tituladas ‘ Perceval sen sutura... liderando o camiño ao futuro’ e ‘Avances en cirurxía valvular: presente, pasado e futuro da cirurxía de mínima incisión’. Para o día 20 está previsto abordar nas comunicacións libres o transplante cardíaco e asistencia mecánica circulatoria e as escalas de risco cirúrxico e as infeccións cardiovasculares, entre outros temas. As mesas científicas do último día tratarán ‘A asistencia ventricular a medio e largo prazo’ e ‘Próteses aórticas transcatéter’. Pola tarde celebrarase unha mesa redonda sobre a cooperación internacional en cirurxía cardiovascular e as dificultades en época de crise. A xornada remata coa asemblea xeral da SECTCV. Durante os tres días de congreso os asistentes inscritos teñen a posibilidade de participar en talleres e cursos prácticos sobre diferentes técnicas cirúrxicas, como a reparación valvular, un adestramento en técnicas de anastomosis para cirurxiáns cardiovasculares e a redución da válvula e implante en corazón de porco, patrocinados por diferentes casas comerciais. Os organizadores do congreso outorgarán premios á mellor comunicación oral, o mellor póster, o mellor vídeo e a mellor comunicación sobre cirurxía torácica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.06.2014.