Ir o contido principal

Medicina despide a súa promoción 2011-2017

Medicina despide a súa promoción 2011-2017
Medicina despide a súa promoción 2011-2017

Para afrontar o seu inminente futuro profesional, o reitor Juan Viaño animou aos integrantes da promoción 2011-2017 de Medicina a botar man do talento, do esforzo e da audacia. “Con só o talento non se logran acadar os soños” aseverou Viaño na súa intervención apelando á audacia, “cómpre que aproveitedes os vindeiros anos traballando duramente para exercer unha profesión que precisamos todos”. Así, convidounos “coñecer novos mundos”, porque este “é o momento no que tedes que atrevervos a especializarvos na área que máis vos guste”. Viaño lembroulles tamén o que a sociedade agarda desta nova promoción, “precisamos os mellores médicos e as mellores médicas posibles e iso está nas vosas mans”.

En opinión do reitor compostelán, “vos sodes a clave dun ecosistema no que temos que combinar o traballo dos profesores profesoras, o traballo do persoal de administración e servizos, as infraestruturas, a vosa capacidade de estudo e os recursos económicos”. “Temos os elementos imprescindibles para formar aos mellores”, dixo Viaño situando ao alumnado no centro dese sistema, “ mozos e mozas de varios países que teñen todo o talento e todas as ganas do mundo de estudar e aprender”.

En alusión ao proxecto do novo Complexo Docente de Ciencias da Saúde que vai albergar as facultades de Medicina, Odontoloxía e Enfermaría, “necesitamos un edificio funcional, moderno e que permite tres obxectivos fundamentais: seguir acollendo aos dous mil estudantes que conviven nas nosas aulas; facer investigación necesaria para curar as enfermidades que nos asolan; e ofrecer o mellor servizo posible á sanidade para que poidamos seguir indo ao médico sabendo que estamos en boas mans”.

Na mesa presidencial, xunto ao reitor, tamén estiveron presentes o vicerreitor de Organización Académica e Persoal Docente e Investigador, Luis Lima; o decano da Facultade, Juan Gestal; a decana da Facultade de Medicina de Oporto, Mª Amelia Ferreira; a xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Eloína Núñez Masid; e o presidente do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, Luciano Vidán Martínez. Completaron a mesa integrantes do equipo de dirección da Facultade de Medicina e do seu claustro docente.

A proxección dun vídeo conmemorativo elaborado polo alumnado do centro iniciou o programa do acto cuxa primeira intervención foi a da madriña desta promoción, a profesora Carmen Vidal Pan, a quen seguiu Alberto Rodríguez López en representación do alumnado. O discurso que pronunciou o profesor Juan Gestal como decano do centro precedeu á lectura da Declaración de Xenebra por parte de todo o alumnado. Deseguido, o reitor clausurou a sesión.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.04.2017.