Medicina homenaxea a Eugenio Montero Ríos na celebración do seu patrón

O Salón de Actos da Facultade de Medicina acolleu este luns a celebración académica do patrón do centro, que xirou en torno á figura de Eugenio Montero Ríos. A cerimonia presidiuna o titular da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijoo, e nela interviñeron ademais o reitor da USC, Juan Viaño; o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; e o decano da facultade, Juan Gestal. O ex reitor Ramón Villares, catedrático de Historia Moderna e presidente do Consello de Cultura Galega, foi o encargado de pronunciar a lección maxistral ‘Montero Ríos e a Facultade de Medicina de Santiago’.
O concorrido acto contou tamén coa presenza dos conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Sanidade, Román Rodríguez e Jesús Vázquez Almuíña; do xerente do Hospital Clínico Universitario de Santiago, Luis Verde; e do presidente do Consello Galego de Colexios de Médicos, Luciano Vidán.
Na súa intervención o reitor marcou o ano 2015 como “o primeiro dunha fonda transformación no modelo universitario para os futuros profesionais da medicina que nos permitirá lograr que Galicia sexa un dos lugares punteiros en Europa para a formación de médicos e médicas e tamén para a investigación en ciencias da saúde”.
“Comezamos unha senda que permitirá chegar a unha nova concepción da formación grazas ao acordo das tres universidades de Galicia para impartir a docencia clínica”, dixo, á vez que lembrou o compromiso da USC para crear unha nova facultade. Viaño sinalou que “probablemente Galicia nunca nos perdoaría non asumir a nosa responsabilidade de aproveitar o potencial dun sistema homoxéneo, fiable e de calidade, como é o sistema sanitario galego, para que a formación sexa aínda mellor do que é na actualidade”.
O reitor rematou o seu discurso lembrando a Eugenio Montero Ríos: “estamos facendo o mesmo que fixo el, cando a primeiros do século XX decidiu crear unha facultade moderna ao carón do maior hospital que había en Galicia”.
Xornada de Portas abertas
A facultade –que este ano cumpre 367 de existencia- abriu hoxe as súas portas para que calquera persoa interesada puidese coñecer as súas instalacións. Así, quen se achegou ao centro tivo a oportunidade de visitar as salas de técnica anatómica, con mesas de disección (unha asinada por Castelao) e as maquetas coas que estudan anatomía os alumnos de Medicina; o laboratorio de microscopía de anatomía patolóxica; a Unidade de educación médica, co laboratorio de habilidades e as salas de simulación básica e avanzada; ou o Museo Nacional da Anestesia no que se explica cómo no Hospital Clínico de Santiago se fixeron as primeiras anestesias de España con cloroformo, sintetizado por Antonio Casares, un mes despois de levarse a cabo as primeiras do mundo en Edimburgo.