Medicina reúne o oitavo encontro internacional da Sociedade Española de Probióticos e Prebióticos
O reitor Juan Viaño presidirá este xoves 23 no Salón de Actos da Facultade de Medicina a partir das 9.00 horas a inauguración do oitavo WorkShop da Sociedade Española de Probióticos e Prebióticos (SEPyP) baixo o lema ‘ Probióticos, prebióticos e saúde: evidencia científica’. Como explica a presidenta do comité organizador, a profesora Rosaura Leis, nos últimos anos distintas investigacións evidenciaron as repercusión que a microbiota e o desequilibrio da flora intestinal ten na saúde e a enfermidade xa dende as primeiras etapas da vida, deixando unha pegada metabólica e xogando un importante papel na proliferación e diferenciación do epitelio intestinal, así como no desenvolvemento e modulación do sistema inmunitario.
No acto inaugural deste congreso, está prevista a participación tamén do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña; da conselleira do Mar, Rosa Quintana Carballo; a concelleira do Concello de Santiago, Concepción Fernández Fernández; do decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal Otero; do presidente da SEPyP, Guillermo Álvarez Calatayud; do patrón da Fundación Dieta Atlántica, Rafael Tojo Sierra; e da profesora Rosaura Leis Fidalgo.
Como explica a docente da Facultade de Medicina, a alteración da composición, metabolismo ou distribución da microbiota condiciona o sobrecrecemento de bacterias e fungos patóxenos e a perda da diversidade microbiana ou grupos de bacterias clave. Estas manifestacións tamén poden acompañarse dunha resposta inflamatoria do hóspede que pode cronificarse e, por ende, contribuír ao desenvolvemento de enfermidades que son hoxe a principal causa de morbilidade e mortalidade, enfermidades metabólicas, autoinmunes e neurodexenerativas así como alerxias, infeccións ou determinados tipos de cancro, en particular colorectal.
Este congreso ten carácter multidisciplinar e a vontade de ser foro de discusión e intercomunicación entre os distintos grupos de investigación neste campo, para o que participarán relatores/as nacionais e internacionais de grande experiencia profesional e recoñecemento científico.
A SEPyP é unha organización científica sen ánimo de lucro dedicada ao fomento e difusión do coñecemento científico e a investigación, a aplicación clínica e a divulgación sobre a microbiota das rexións corporais, probióticos e prebióticos e o seu impacto na saúde. Conta na actualmente con máis de 700 socios científicos e o respaldo das principais empresas do sector.