Cómo medir os buratos dun queixo Gruyere ou a lonxitude das ramas dunha árbore
Co título ‘De Luis Santaló ao TAC’, o profesor do Departamento de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Valencia Antonio Martínez Naveira ofrecerá o vindeiro luns 7 unha conferencia na que achegará aos asistentes aos fundamentos da Xeometría Integral. O docente amosará algunhas das aplicacións prácticas deste campo que permite, por exemplo, calcular o volume dos buratos dun queixo de Gruyere, medir a lonxitude das ramas dunha árbore, poder localizar bolsas de petróleo ou xemas ou mostrar os fundamentos da Tomografía.
A conferencia, que se celebrará a partir das 17:00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas, está incluída na programación de actividades do ciclo de divulgación científica ‘Unha andaina polas matemáticas’.
Antonio Martínez presentará algunhas aplicacións da Xeometría Integral a problemas da vida cotiá, en particular á Teoría Xeométrica da Probabilidade, á Estereoloxía e á Xeometría Estocástica nun intento por materializar a idea de que as matemáticas “están presentes en cada momento da nosa vida”, apuntan os organizadores.
Os especialistas desta disciplina, da que Luis Santaló está considerado como un dos seus creadores, sitúan o seu nacemento no pasatempo ‘O problema da agulla de Bufón’. Deste xeito, durante os séculos XIX e XX se constrúe unha teoría matemática con aplicacións prácticas insospeitadas na Petrografía, a Metalurxia, a Medicina ou na ornamentación en Arquitectura, entre outras.