A mellor noite para ver as 'Bágoas de San Lourenzo' será a do domingo 12 ao luns 13
As Perseidas, coñecidas popularmente como as ‘Bágoas de San Lourenzo’, porque no pasado víanse o día 10 de agosto, poden observarse esporadicamente dende o 17 de xullo ao 24 de agosto. Este ano a mellor noite para observalas será a do domingo 12 ao luns 13 e tamén durante as primeiras horas da seguinte. Segundo explicou o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela, José Ángel Docobo, poderanse ver ata 60 estrelas fugaces no mellor momento da choiva grazas á lúa nova que axudará na observación.
O profesor Docobo tamén lembra que para un correcto avistamento é recomendable situarse nun lugar suficientemente oscuro, lonxe das luces das cidades e colocarse, preferentemente, deitado mirando cara arriba. Ademais, as condicións metereolóxicas facilitarán nesta ocasión a contemplación do ceo.
As PerseidasDende que no ano 36 d. C. se tivo o primeiro testemuño delas, as Perseidas acoden puntualmente a súa cita de agosto. Son, sen dúbida, as "estrelas fugaces" máis famosas e non só porque anos atrás deran lugar a espectaculares choivas, senón, sobre todo, porque son visibles no mes vacacional por excelencia.
Como ben é sabido, as chamadas "choivas de estrelas" prodúcense cando a Terra pasa a través do regueiro de partículas que os cometas deixan tras de si ao moverse arredor do Sol. O cometa proxenitor das Perseidas, chamadas así porque o radiante ou punto do ceo de onde parecen provir está na constelación de Perseo, é o Swift-Tuttle. Este cometa foi descuberto en 1862 dende Estados Unidos por Lewis Swift e Horace Parnell Tuttle case de forma simultánea e pouco despois o astrónomo italiano Giovanni Schiaparelli advertiu da súa relación coas Perseidas. O Swift-Tuttle describe a súa órbita en pouco máis de 135 anos, e foi en decembro de 1992 cando pasou por última vez preto do Sol.
Outros obxectos no ceoJosé Ángel Docobo indica que nestas noites de verán tamén se pode contemplar con claridade a Vía Láctea que se estende pola bóveda celeste e pasa polas constelacións Perseus, Cassiopea, Cygnus, Aquila e Sagitarius. Outro dos espectáculos celestes presente nesta época do ano á unha da madrugada no máis alto do ceo é o Triángulo de Verán que está composto por tres estrelas brillantes que son Vega, en Lyra, Altair, en Aquila, e Deneb, en Cygnus.
Por outra banda, o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller avisa que a constelación Perseus sae en Galicia á medianoite cara o noroeste e está situada entre Cassiopea, visible toda a noite, e Taurus, que sae ás 2:30 horas. Con axuda duns prismáticos, en Perseus pódese ver o famoso Dobre Cúmulo, constituído por dúas asociacións estelares moi próximas.
Así mesmo, cun pequeno telescopio, accédese á nebulosa anular de Lyra, cerca de Vega, ao cúmulo globular M13 en Hércules e á estrela dobre Albireo en Cygnus, na que unha compoñente é azul e a outra laranxa.
Sobre a observación de planetas, a primeiras horas da noite Xúpiter está cara o sur brillando en Scorpius, xusto enriba de Antares, unha preciosa estrela de cor vermella. Ademais, Marte, situado en Taurus entre o cúmulo das Pleiades e Aldebarán, será o protagonista da noite deste domingo xa que varias Perseidas pasarán preto deste astro.