Ir o contido principal

Os mellores proxectos de emprendemento feminino baseados no coñecemento e a ciencia danse cita en Innovatia 8.3

Cartel do certame
Cartel do certame
A entrega de premios correspondente á terceira edición do certame desenvolverase este xoves 8 de outubro a través dunha sesión que se celebrará en liña por mor da COVID-19 no marco dun congreso homónimo
Lugo, Santiago de Compostela

As spin-off da USC BFlow e Libera Bio, así como Evoenzyme do Centro Superior de Investigacións Científicas, son as tres candidatas na categoría de mellor empresa de base tecnolóxica na terceira edición do Concurso Innovatia 8.3. Asemade, na modalidade destinada a premiar á mellor startup, as finalistas son Kubalu Events da Universidade Politécnica de Madrid, Enthec Solutions da Universidade Carlos III e Tilúa Asistencia, pertencente á Universidade Miguel Hernández de Elche. A finalidade deste certame, froito do convenio asinado pola USC e o Instituto de la Mujer, é promover o emprendemento de base universitaria e liderado por mulleres, baseado no coñecemento e a ciencia.

A entrega de premios correspondente á terceira edición do Concurso Innovatia 8.3 desenvolverase o vindeiro 8 de outubro a través dunha sesión que se celebrará en liña por mor da COVID-19 no marco dun congreso homónimo.  Este foro non pode obviar a situación provocada pola crise sanitaria e pretende ser un espazo de reflexión onde valorar o contexto actual, identificar os principais obstáculos e oportunidades e tratar de avanzar solucións innovadoras. “As políticas de reactivación económica deben estar centradas no crecemento inclusivo, e a sustentabilidade ambiental, baseados no diálogo social e a gobernabilidade efectiva e incorporar sistematicamente a perspectiva de xénero”, sinalan dende a organización. “As estratexias e medidas que se leven a cabo deberanse conectar con estratexias de financiamento aliñadas cos esforzos máis amplos dos gobernos para financiar os  Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e estar orientadas a frear posibles retrocesos no cumprimento da Axenda 2030, que debe de ser un documento reitor para a transferencia universitaria”, continúan.

A esta terceira edición concorreron un total de 41 empresas con presenza maioritaria de mulleres no seu Consello de Dirección ou Consello de Administración e que fosen creadas co apoio dalgunha das universidades españolas ou dos OPIs. O concurso tamén ten por obxecto promover a igualdade de oportunidades entre persoas de ambos os dous xéneros no ámbito universitario e tecnolóxico. O premio ao proxecto empresarial de base tecnolóxica está dotado con 10.000 euros; mentres que o premio a proxecto empresarial Startup conta cunha dotación de 7.000 euros. En ambos os dous casos, a antigüidade do proxecto empresarial non pode superar os cinco anos e cada proxecto empresarial participante poderá recibir como máximo un premio.

Criterios de valoración

O comité avaliador terá en conta a viabilidade económica e financeira do proxecto; o grao de innovación do produto, proceso ou servizo; o volume de emprego creado ou proxectado; o carácter multidisciplinar do equipo promotor formado por mulleres e homes; así como ter en consideración políticas de igualdade, na actividade da empresa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.10.2020.