Tres membros do IDEGA premiados por un traballo sobre a prevención de riscos na Universidade
Tres membros do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) acadaron o premio á mellor comunicación no primeiro Congreso Internacional de Prevención de Riscos Laborais organizado recentemente pola Facultade de Ciencias do Campus de Lugo. Sara Varela Romeu, Luís Franco Vázquez e Manuel Francisco Marey Pérez viron recoñecido o traballo que realizaron como investigadores na Escola Politécnica Superior baixo o título ‘Novas Tecnoloxías para a Integración da Prevención na Universidade’. A comunicación presentada foi extraída do proxecto fin de carreira de Sara Varela Romeu, que leva por título ‘Modelo de Plan de Prevención de Riscos Laborais nun centro de formación universitaria no Marco de Bolonia: Aplicación ás titulacións forestais da Escola Politécnica Superior da USC’ e dirixido por Manuel Francisco Marey Pérez. O obxectivo do proxecto é o fomento da cultura preventiva na Universidade, implicando a toda a comunidade como axentes activos da prevención de riscos laborais. O equipo do IDEGA formula unha nova forma de ver e entender os plans de formación de riscos laborais. Para elo integra os sistemas de información xeográfica (SIX) coas aplicacións web móbiles como ferramentas tecnolóxicas destinadas á creación dunha canle de comunicación entre o xestor de seguridade e os usuarios finais. Mediante un visor interactivo permítese coñecer os riscos e as medidas a tomar en todos os espazos do centro en todo momento e por parte de calquera colectivo de persoal da USC ou do alumnado. Este novo xeito de comunicación significa un acceso personalizado e intuitivo á información relevante do plan de prevención. No contexto de Bolonia
Segundo os autores, o Plan Bolonia establécese como marco lexislativo axeitado para a integración da prevención na formación universitaria. Este xorde como resposta ás esixencias do mercado laboral, que reclama unha potencialidade de aspectos transversais de formación, caso da prevención de riscos laborais. Os actuais estudantes son os futuros traballadores, mandos e directivos. O Plan Bolonia pretende un sistema de aprendizaxe cos alumnos como protagonistas, co que a materia preventiva tamén debe implicar ao alumnado como axente activo da prevención. O traballo feito na EPS pode ser aplicado en calquera outro centro formativo de carácter universitario.