Ir o contido principal

Membros da USC realizarán o sábado unha ruta para recoller material para elaborar xoguetes

O domingo celebrase a segunda das rutas estacionais polo río Miño do programa Pegadas

Preto de 20 persoas participarán este sábado 10 na ruta de elaboración de xoguetes organizada pola Vicerreitoría de Cultura da USC como actividade complementaria á exposición ‘Xoguetes para hoxe’ situada na sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria.
A actividade dará comezo ás 10:00 horas percorrendo o parque Rosalía de Castro para a recollida do material que servirá para elaborar os xoguetes. Tras participar no almorzo solidario na Praza Maior, organizado polas asociacións dentro da Semana do Comercio Xusto, os participantes elaborarán os xoguetes a partir das 13:00 horas nas instalacións de Cova da Terra.
Ruta polo MiñoPor outra banda, o domingo, celebrarase a segunda ruta estacional polo río Miño do programa Pegadas, incluído dentro do Convenio Lugo Cultural. Os participantes sairán ás 10:30 horas do miradoiro do parque Rosalía de Castro de Lugo. Esta segunda ruta cambiou de data, xa que nun principio estaba prevista para o 6 de abril, pero a organización decidiu pospoñela para esperar a chegada dos vencellos.
No traxecto intervirán como guías Xurxo de Vivero, que se encargará da descrición da fauna e flora da zona, e Eduardo Ochoa, que explicará os mellores lugares para a toma de fotografías.
O programa Pegadas consta de catro rutas, cada unha nunha estación do ano diferente. A primeira xa se celebrou o pasado mes de marzo e as dúas seguintes terán lugar o 21 de setembro e o 19 de outubro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.05.2008.