Ir o contido principal

A memoria anual do Idis amosa un crecemento sostido dos indicadores de produción científica

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela(Idis) presentou esta mañá a súa memoria de actividades correspondente a 2016 nun acto no que participaron o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez; o reitor Juan Viaño; director científico do Instituto, José Castillo; a xerente de Xestión Integrada de Santiago, Eloína Núñez; e o decano de Medicina da USC, Juan Gestal.

Como sinalou José Castillo, os grupos e investigadores do IDIS – creado en 2009 para consolidar organizativamentea colaboración e interacción científica entre o CHUS e a USC– “amosaron o seu liderado incrementando as publicacións científicas de excelencia, o número de teses doutorais, a participación en novos proxectos internacionais e a súa implicación nos procesos de transferencia”.

Para o reitor compostelán, os datos amosan un crecemento sostido dos indicadores de produción científica “como reflexo dunha evolución cada vez mais competitiva da actividade investigadora do instituto”. Os resultados reflicten un incremento da calidade e impacto das publicacións e tamén a súa proxección internacional, “o que se concreta e apoia eficientemente a través de máis publicacións en colaboración con centros e investigadores de referencia internacional”.

Aumentou tamén, lembrou Viaño, a captación de recursos e a participación, “polo tanto, o financiamento internacional, a través de proxectos europeos e unha interacción mais directa con empresas de forte liderado”. Por último, advertiu o reitor, consolídanse as boas prácticas na protección de resultados de investigación, avanzando nunha cultura de valorización da actividade investigadora que debe contribuír a visibilizaro impacto da investigación pública.

Sinalou ademáis Viaño no acto que cada vez son mais os ámbitos e persoas do entorno hospitalario implicadas en actividades de xeración de coñecemento, as actividades de I+D e innovación impulsadas por demandas dos pacientes e os ámbitos empresariais como BIOGA ou o Clúster de Saúde. “Pero no medio de tantas luces tamén cabe algunha sombra á que lle hai que pór solución –advertiu–, como o reforzo da estrutura xurídica do IDIS para integrar de xeito eficiente e autónomo os procesos de investigación, tanto no binomio SERGAS-USC como no binomio INVESTIGACION-CLINICA, o recoñecemento da marca IDIS como referente da investigación sanitaria de Galicia e a necesidade de abordar unha estratexia de Xestión de Talento, institucional e compartida” .

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.05.2017.