Ir o contido principal

A Memoria de Responsabilidade Social da USC correspondente a 2006 e 2007 xa se pode consultar en liña

A Memoria de Responsabilidade Social da USC correspondente aos anos 2006 e 2007 xa está a disposición da comunidade universitaria e da sociedade en xeral, que poden consultar este documento en formato electrónico na páxina web da USC. A memoria é a cuarta publicación de semellantes características editada pola institución académica compostelá que, deste xeito, segue sendo pioneira na publicación deste tipo de informes dende o ano 2003. Ademais, a edición do documento afianza o compromiso da USC e a súa vontade coa rendición de contas máis alá da obrigatoria e habitual memoria económica das universidades.
Baixo a coordinación da Vicerreitoría de Calidade e Planificación, a elaboración desta memoria segue a metodoloxía de Global Reporting Initiative (GRI3), un dos modelos con maior aceptación no ámbito mundial. O documento, informa á sociedade do desempeño de todas as actividades propias da Universidade de Santiago nos campos económicos, social e medioambiental. Deste xeito, ademais dos aspectos vinculados ao orzamento, resultado económico e balance de situación, a memoria transmite dunha maneira fácil e comprensible a todos os grupos de interese as actividades realizadas e os beneficios sociais derivados das mesmas, así como o impacto ambiental asociado e as actuacións emprendidas para reducilo.
O informe, estruturado en sete capítulos, comeza cunha presentación da misión, visión e valores da universidade, o seu goberno e estrutura e os principais premios e distincións recibidos. Partindo destes puntos mostra en base aos feitos acometidos e aos principais indicadores o compromiso da USC coa formación, a calidade e a aprendizaxe, a sociedade, o persoal e o desenvolvemento sostible, dando conta ademais da súa xestión económica e do valor económico e social xerado, todo enmarcado “dentro do código ético, o plan estratéxico vixente e outros plans operativos”.
A Memoria de Responsabilidade Social 2006 e 2007 é “só unha peza do modelos de responsabilidade social da USC que a través destes últimos anos se foi consolidando”, subliña a Vicerreitoría de Calidade. Así, a través da lectura desta Memoria se visualiza unha universidade “orientada cara as necesidades e expectativas dos diversos grupos de interese, atenta aos impacto ambientais derivados da súa actividade e onde reinan principios de eficiencia no uso de recursos, transparencia, participación e diálogo cos distintos grupos de interese interno e externo e a rendición de contas”.
En resumo, a memoria pon de manifesto que a Responsabilidade Social na USC “vai máis alá do cumprimento legal e non responde a accións puntuais e esporádicas senón que cada vez está máis integrada na súa cultura e estratexia e, polo tanto, presente en todos os seus procesos”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.07.2009.