A Memoria de Responsabilidade Social da USC relativa ao período 2010-2011 estrea nova estrutura

O reitor Juan Casares e a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva, presentaron no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome a sexta Memoria de Responsabilidade Social da USC, correspondente ao período 2010-2011, que da continuidade á serie xa iniciada en 2003. A elaboración desta sexta memoria incorpora varias novidades, comezando cunha nova estrutura que busca facer o documento máis manexable e útil para os diversos grupos de interese dentro e fóra da comunidade universitaria, e continuando cos contidos, entre os que destaca unha información máis ampla sobre o desempeño social e ambiental da USC, cunha actualización nos datos achegados o máis próxima posible no tempo; nesta liña, a memoria presentada incorpora información do exercicio 2011 que aínda se deu a coñecer este pasado mes de xuño. A memoria ofrece unha completa imaxe da actividade da institución non só nos eidos de docencia, investigación e servizos, senón tamén nos do compromiso social e ambiental, o que permite obter unha visión equilibrada e nítida da contribución da USC ao desenvolvemento sostible e responsable, unha das directrices que marcan o labor dentro da institución nos últimos anos. O reitor apelou á USC como unha institución que sempre aspira a mellorar, porque “ten capacidade e necesidade de mellorar”, á vez que se comporta de modo “eficaz e eficiente”. Nesta dimensión, a Memoria de Responsabilidade Social é un exercicio de autocrítica, parte fundamental da esencia universitaria. “O compromiso coa responsabilidade social esixe ser transparentes e render contas sobre todos os aspectos e resultados relevantes da actividade dunha información. Con esta nova memoria de responsabilidade social propoñémonos explicar dun modo máis claro á comunidade universitaria e á sociedade en xeral como somos, que facemos, e que resultados estamos logrando na USC”, indica Benita Silva. Estrutura do documento Esta sexta edición da Memoria de Responsabilidade Social da USC presenta como elemento principal un Informe Central no que, a través de cinco capítulos (‘Quen somos?’, ‘Que facemos?’, ‘ Como somos’, ‘Que temos logrado?’ e ‘Perspectivas e compromisos de futuro’) se ofrece unha imaxe completa e actualizada sobre a xestión e desempeño da institución. Este Informe recolle as principais liñas de traballo na USC nos últimos dous anos, entre as que cómpre destacar a adaptación das titulacións ao Espazo Europeo de Educación Superior e a consolidación de Campus Vida. Ao abeiro destas actividades realizouse a conversión en facultade de catro escolas universitarias, así como a creación de tres novos centros singulares de investigación. De xeito complementario, incluirase un bloque de información adicional –en proceso de preparación– e que proximamente poderá ser consultado en liña na nova páxina web da memoria, co que se pretende ampliar, completar ou ofrecer un maior detalle sobre algúns dos feitos ou aspectos abordados no informe central. Liñas de actividade No capítulo da docencia e a oferta académica, o período analizado estivo marcado polo pleno desenvolvemento do Espazo Europeo de Educación Superior e o de Investigación. Un dos retos para os próximos anos será a xestión da ampla oferta formativa, especialmente mediante a reorganización dos posgraos (tantos oficiais como propios), para dar resposta ás necesidades nos novos contextos económicos, sociais e tecnolóxicos. A actual situación crise financeira non supuxo, malia todo, unha redución no esforzo científico e investigador da USC, e o ritmo de actividade en I+D+i mellorou no bienio 2010-2011 con respecto ao período incorporado á anterior Memoria (2008-2009), a pesar de que en 2011 o volume de recursos económicos captados experimentou unha caída do 25%. Deste xeito, referencias como o número de artigos JCR publicados ou a solicitude e concesión de patentes e licenzas medraron de xeito notable nos dous últimos anos, a pesar da caída no volume de recursos económicos captados para a actividade investigadora. Segundo Benita Silva, “deste xeito, a USC segue afondando no cumprimento da súa tripla misión académica: a docencia, a investigación e e transferencia de coñecemento e responsabilidade social”. Compromiso medioambiental No ámbito medioambiental, un dos compromisos sobre os que se traballou con maior intensidade desde a USC no período que abrangue a Memoria (e no que se seguirá incidindo de cara ao futuro), os avances foron evidentes. Ademais das múltiples actividades de investigación, formación, sensibilización e divulgación que se levaron a cabo, en 2011 conseguiuse unha redución do 3% no volume de residuos perigosos xerados e unha diminución do 4% no consumo de auga, do 1,7% no gasto eléctrico e do 10% nas emisións de CO 2. No ámbito estritamente económico, a xestión da USC caracterizouse neste bienio 2010-2011 pola procura dunha maior eficiencia e pola aplicación de políticas de contención do gasto, que permitisen manter o equilibrio orzamentario nun contexto de redución do investimento público; deste xeito acadouse unha importante diminución na relación de endebedamento da institución.