O mercado laboral demanda á Escola Politécnica Superior 20 titulados en Xeomática e Topografía
A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC rexistra na actualidade unhas 20 ofertas de traballo (12 en España, das que tres se localizan en Galicia, e 8 o estranxeiro) para enxeñeiros/as titulados en Xeomática e Topografía.
A elevada demanda de topógrafos/as que está a rexistrar o mercado laboral, tal e como constata a oferta de empregos canalizada pola EPS, apunta na mesma dirección que os indicadores recollidos no E-Skills for Jobs in Europa, que inclúe o grao en Enxeñaría Xeomática e Topografía entre as profesións que parecen ter máis futuro, segundo o E-Skills for Jobs in Europe. Ante esta realidade e dadas as posibilidades de inserción laboral que presenta na actualidade o grao de Enxeñaría en Xeomática e Topografía, a Escola Politécnica Superior vén de aprobar un plan de acción para informar e dar a coñecer entre o estudantado as diversas saídas laborais que presenta esta enxeñaría, un título de grao universitario que, por unhas razóns ou outras, está a experimentar unha baixa demanda por parte do alumnado no conxunto de España. As medidas aprobadas en xunta de escola pola Escola Politécnica Superior para fomentar o interese entre os novos universitarios/as e impulsar así a matrícula no grao en Enxeñaría en Xeomática e Topografía son moitas e diversas. Así, no plano académico, o centro universitario lugués vén de abrir a porta aos programa de simultaneidade, a través dos que o alumnado poderá cursar dúas enxeñarías ao mesmo tempo, tales como son os graos en Enxeñaría en Xeomática en Topografía e Enxeñaría Civil. Outra das posibilidades que ofrecerá a Escola Politécnica Superior ao alumnado de novo ingreso en titulacións da chamada rama de Enxeñaría Civil é a programación dun primeiro curso con materias comúns,e tralo que poderán continuar co grao en Enxeñaría en Xeomática e Topografía, ou optar por outros títulos os graos en Enxeñaría Civil ou Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais. A realización de cursos e actividades formativas con empresas do sector, o desenvolvemento de convenios co Centro Mixto de Investigación en Avións Non Tripulados Xunta de Galicia-INTA (CIAR), Instituto de Estudos do Territorio (ITE), Sistema de Información Territorial (SIT), así como co Instituto Nacional Geográfico (IGN), e a colaboración con empresas líderes do sector para facilitar o acceso aos últimos avances tecnolóxicos e mellorar as dotación da EPS, son outras das iniciativas acordadas para favorecer a difusión do título de grao en Enxeñaría Xeomática e Topografía. O obxectivo último destas actuacións é dar a coñecer á sociedade a posibilidade de formarse no campus de Lugo nunha profesión versátil e con futuro. Unha titulación que permite o deseño e implementación das redes xeodésicas (soporte da información xeoespacial), a captura de datos do terreo e dos obxectos xeográficos (mediante Topografía e GNSS, Fotogrametría, Teledetección, LIDAR…) e a súa representación a través da cartografía dixital, xestionar a información xeográfica mediante as Infraestruturas de Datos Espaciais (IDE) e os Sistemas de Información Xeográfica (SIX), a xestión e tratamento de datos a gran escala (BIG DATA).