Os mercantilistas españois renden unha homenaxe ao profesor Carlos Fernández-Nóvoa co gallo do seu 80 aniversario
Os profesores da USC Ángel García Vidal e José Antonio Gómez Segade editan o libro El Derecho mercantil en el umbral del siglo XXI, unha obra homenaxe ao profesor Carlos Fernández-Novoa con ocasión do seu octoxésimo aniversario. No libro, que acaba de publicar a editorial Marcial Pons, participan un total de 63 autores entre catedráticos de Dereito Mercantil das distintas universidades españolas, así como profesores de Dereito Mercantil das universidades galegas. Por medio desta publicación a escola española de Dereito Mercantil expresa o seu recoñecemento ao Profesor Fernández-Nóvoa Catedrático de Dereito Mercantil na USC dende 1964 ata 2000 e actualmente xubilado, Fernández-Nóvoa foi discípulo directo do profesor Joaquín Garrigues, ademáis dun reputado xurista autor dunha ampla obra de investigación. Foi fundador do Instituto de Dereito Industrial da USC (IDIUS), considerado como un dos centros de investigación europeos de referencia no campo dos bens inmateriais e o dereito da competencia, así como da Revista ‘Actas de Derecho industrial e Dereito de autor’, a publicación en español máis prestixiosa sobre a materia.
A presentación do libro así como a entrega ao homenaxeado celebrarase o vindeiro mes de xullo na sede da Comisión Nacional da Competencia en Madrid.