Ir o contido principal

Este mércores comezan os dous últimos cursos do ano da Universidade de Verán da USC

'Cartografías das resistencias: transformacións da praxe política ou as revoltas globais' e 'O xardín atlántico e a xardinería sustentable na Galicia do século XXI' son os títulos dos cursos de verán que comezan este mércores 4 en Santiago e que poñen fin á Universidade de Verán da USC 2013. Filosofía Ás 9.00 horas iníciase en Filosofía o curso que propón realizar unha panorámica xeral da actualidade política poñéndoa en relación co pensamento filosófico recente . A intención que se persegue é pensar o xeito en que se institúe ou constitúe a realidade como un proceso dinámico de discursos e accións e detectar e prever condutas ideoloxizadas froito de determinados posicionamentos políticos. Para alcanzar estes fins investigadores debaterán as cuestións máis delicadas da situación política e filosófica actual. Os relatorios programados estarán orientados a cuestións como o malestar na cultura, desobediencia civil, a política na democracia ou a relación entre lingua, poder e diferenzas. Xardíns Xa ás 9.30 horas no Centro de Estudos Avanzados se inaugurará o curso que dará a coñecer o patrimonio vexetal dos xardíns atlánticos de Galicia e as novas tendencias da xardinería orientadas ao deseño de novos tipos de xardín, á conservación da biodiversidade e á utilización sustentable.

Os relatorios do curso serán impartidos por investigadores da USC e da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, así como de diversas empresas galegas e portuguesas dedicadas á xardinería. No que respecta aos temas tratados, as distintas intervencións programadas porán a atención na importancia da camelia, a conservación da biodiversidade ornamental, a protección de árbores e arbustos, ecoindicadores urbanos, os xardíns verticais e as cubertas vexetais ou árbores e formacións singulares de Galicia. Ademais dos relatorios tamén se contempla unha visita ao xardín do pazo de San Cruz de Rivadulla en Vedra.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.09.2013.