Unha mesa redonda aborda as particularidades históricas e económicas da actual crise na comunidade galega
A actual crise pon ao descuberto o fracaso do proxecto que para Galicia teñen as súas elites diante da pasividade de boa parte da cidadanía. Esta é a hipótese a partir da que a Comisión de Cultura da Facultade de Xeografía e Historia da USC organizará este xoves 17 a mesa redonda ‘A crise: o fracaso histórico de Galicia’. Será a partir das 19.00 horas na Aula 12 do centro aberta a todo o público interesado. A mesa formulará os termos do debate nunha dupla perspectiva, tanto económica como histórica, coa asistencia dos catedráticos de Historia Contemporánea e de Historia Económica, Lourenzo Fernández Prieto e Xoán Carmona Badía, respectivamente. O seu diálogo tratará de profundar nas causas históricas dun fracaso que, segundo os organizadores, parece adquirir especial forza en tempos de crise. Neste senso, engaden, a perda de capital humano, demográfico ou material é un resultado derivado do progresivo avellentamento poboación, da sistemática e intensa emigración de novos profesionais, da desaparición da banca galega ou da crise do naval. “Diante dunha realidade que evidencia o fracaso das políticas financeiras, industriais e demográficas ensaiadas en Galicia nos últimos trinta anos”, os organizadores agardan que a mesa redonda permita dilucidar se a situación actual é froito dun fenómeno estrutural ou conxuntural e pasaxeiro, así como se se podería repetir no futuro.