Ir o contido principal

Unha mesa redonda profundará nas causas do fracaso histórico de Galicia á vista da actual crise

Organizada pola Comisión de Cultura, a Facultade de Xeografía e Historia da USC acolle este xoves 17 unha mesa redonda titulada ‘A Crise: o fracaso histórico de Galicia’ na que participarán os catedráticos da USC de Historia Contemporánea, Lourenzo Fernández Prieto, e de Historia Económica, Xoán Carmona Badía. O encontro será ás 19.00 horas na aula 12 do centro. O fracaso hoxe patente das políticas financeiras, industriais ou demográficas ensaiadas en Galicia nos últimos trinta anos levará aos expertos a debater arredor da idea de que a crise pon ao descuberto “o fracaso do proxecto que para Galicia teñen as súas elites diante da pasividade de boa parte da cidadanía”, segundo manteñen os organizadores. Proba diso, argumentan, é que as perdas de capital humano, demográfico e material, derivadas do progresivo avellentamento poboacional, da sistemática e intensa emigración de xoves formados, da desaparición da banca galega ou da crise do naval “apenas si son compensadas polas ganancias xeradas polo sector turístico, o deseño ou o téxtil”. Partindo desa premisa, e desde unha perspectiva histórica, na mesa redonda tentarán dilucidar se ese fenómeno é estrutural ou, pola contra, obedece á conxuntura actual. A súa repetición nun futuro próximo e as causas de que isto suceda será tamén obxecto de análise nun debate aberto do que os organizadores agardan que saian á luz posibles alternativas de futuro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2011.