Unha mesa redonda en Xeografía e Historia explora a relación entre Cervantes e o viño de Ribeiro
A mesa redonda ‘Cervantes e o viño de Ribeiro’ súmase ao abano de actos organizados con motivo do 400 aniversario da morte de Miguel de Cervantes. Esta é unha actividade enmarcada nas Xornadas de Outono: Cultura do viño e literatura’, apoiada pola Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC e coordinadas polo historiador Xavier Castro, da Fundación Dieta Atlántica da USC. Como lembra o propio coordinador, “na obra do xenio das letras hispánicas aparece mencionado e ponderado o viño do Ribeiro, unhas das marcas que máis acaidamente encarnan a representación da identidade simbólica de Galicia”.
Esta mesa que explora a relación de Cervantes e o viño galego celebrarase este xoves 27 na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia a partir das 20.00 horas. Participarán os profesor Augusto Pérez Alberti, co relatorio ‘O Ribeiro: un vello complexo agrario’; Pegerto Saavedra falando do viño do Ribeiro na Historia Moderna de Galicia; Rosaura Leis Trabazo para explorar a relación coa dieta atlántica; e o propio Xavier Castro, que se referirá especificamente á presenza da cultura do viño en Cervantes.
Como explica o coordinador do evento, esta proposta cultural que promove o Consello Regulador da D.O. Ribeiro posúe un carácter interdisdisciplinar e consistirá na celebración en varias cidades galegas, así como en Madrid e Barcelona, de mesas redondas, conferencias multimedia e outros actos conmemorativos nos que intervirán recoñecidos especialistas na cultura e historia do viño e a literatura. En todas estas propostas presentarase unha edición especial dun viño do Ribeiro etiquetado especificamente para esta conmemoración cervantina.