Ir o contido principal

Os meses de xaneiro e febreiro concentraron case a metade da choiva de todo 2014 en Santiago

Os meses de xaneiro e febreiro concentraron case a metade da choiva de todo 2014 en Santiago
Os meses de xaneiro e febreiro concentraron case a metade da choiva de todo 2014 en Santiago

O 42% do total de precipitación rexistrada no ano 2014 correspondeu aos meses de xaneiro e febreiro, con 498,7 e 441,2 l/m2m respectivamente. E a pesar de que as choivas foron amainando cara ao final do ano, 2014 resultou ser o sexto máis chuvioso dos últimos 30, sobrepasando amplamente a media deste período estudado, que se sitúa en 1.819,19 litros/m2. O resumo meteorolóxico da cidade de Santiago de Compostela elaborado cos datos rexistrados de cotío na estación do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, centro colaborador da Axencia Estatal de Meteoroloxía, destacan tamén do pasado ano as altas temperaturas de outubro e un número de horas de sol inferior á media dos últimos 20 anos. No que se refire ás precipitacións, o pluviómetro manual da estación meteorolóxica do Observatorio da USC recolleu en 2014 un total de 2.253,9 litros/m2 en 225 xornadas. Houbo 21 días con choiva por riba dos 30 litros, destacando o 5 de xaneiro (67,2) e o 4 de febreiro (62,8). Agosto (45,0 l/m2), decembro (78,6 l/m2) e maio (84,4 l/m2) foron os meses máis secos. Temperaturas O pasado foi un ano de temperaturas suaves, diminuíndo drasticamente os rexistros extremos con respecto ao ano anterior: só se superaron os 30 graos en Compostela en seis ocasións, coa máxima de 33,1 o 2 de setembro. Nos meses estivais as temperaturas “non foron especialmente xenerosas ata o punto que en agosto houbo que agardar ata a última xornada para ver o termómetro superar os 30 graos”, sinala o director do Observatorio, José Ángel Docobo. Pero tampouco as mínimas foron rigorosas. Os únicos días con temperatura baixo cero foron os últimos do ano, coa mínima absoluta de -0,4 graos o 30 de decembro. Sen dúbida, o que chama a atención do pasado ano foron os 11 días de outubro, especialmente na segunda quincena, con máximas de 25 ou máis graos. E aínda que a noite máis cálida do ano (18,6 graos) correspondeulle ao 7 de agosto, na do 29 de outubro puido gozarse de 17,7. Insolación

Foron 58 os días nos que o Sol non se deixou ver en Santiago, a maior parte en xaneiro, novembro, abril e decembro. A insolación total, 1.892 horas e 55 minutos, sitúase por baixo da media dos últimos 20 anos (2.050,8 horas) e correspóndese cun 43,2% das posibles horas de Sol.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.01.2015.