'Mestras: unha biografía repleta de soles', nova exposición no Museo Pedagóxico de Galicia
A realidade educativa feminina na Galicia do XX queda retratada na exposición ‘Mestras: unha biografía repleta de soles’, que na tarde deste venres 11 se inaugura no Museo Pedagóxico de Galicia. A profesora da USC María José Méndez Lois é unha das comisarias.
A mostra amosa, mediante catro exemplos singulares, boa parte da realidade educativa feminina na comunidade galega durante o século XX, recollendo dúas dicotomías fundamentais, epistemoloxicamente útiles para definir un panorama educativo global, como son educación pública/educación privada e educación relixiosa/educación laica.
A ferrolá Ángela Ruiz Robles foi unha mestra sobresaínte no ensino, tanto público como privado, durante a etapa franquista. Destaca como figura senlleira nos eidos da didáctica e da inventiva pedagóxica. Pola súa banda, Clementina Villar Martínez, nada en Redondela, constitúe un exemplo vivo do profesorado que, formado na ideoloxía republicana, houbo de desenvolver o seu labor profesional forzosamente no ideario da escola franquista, coas contradicións que este feito lle tivo que supoñer.
O exemplo de Teresa Roqueta Dalmau, parvulista da Escola Laica Neutral de Ourense (E.N.L.O.), dá conta das escasas iniciativas educadoras privadas e laicas emprendidas en Galicia. Esta mestra, ao amparo da masonería ourensá e da man do seu home Hipólito Sinforiano Luengo, levou adiante un proxecto educativo singular que o vindeiro ano cumprirá un século.
Por último, a comunidade relixiosa da Compañía de María de Lugo simboliza as achegas da educación privada relixiosa que desenvolve iniciativas anovadoras no eido didáctico e promove a consecución de melloras nas condicións laborais e formativas do seu profesorado.
A mostra ‘Mestras: unha biografía repleta de soles’ permanecerá aberta ata o mes de novembro no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) de martes a sábado en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.