Ir o contido principal

Mestres da escola rural galega aconsellaron sobre acción socioeducativa e cultura local no Interea Congreso

O encontro comezou este mércores na Facultade de Ciencias da Educación

Os mestres Avelino Pousa Antelo, Antía Cal e Tatá Viñas, educadores na escola rural galega dende a Segunda República española, ofreceron consellos prácticos sobre acción socioeducativa e cultura local aos máis de cincocentos inscritos no Interea 2008 Congreso. O evento celébrase na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur) dende este mércores ata o venres 22 baixo o título ‘De estudantes a profesionais na acción socioeducativa e cultura local’.
Antes desta conversa de apertura, Interea 2008 inaugurouse cun acto oficial ao que asistiron a conselleira de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, Ánxela Bugallo; o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Santiago, Lourenzo Fernández; o decano da Facultade de Ciencias da Educación, Lois Ferradás; o director do Grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA) e coordinador científico do Proxecto interea, José Antonio Caride; e a presidenta do congreso, Lucía Iglesias da Cunha.
Caride lembrou que o obxectivo destas reunións é mostrar no eido universitario as posibilidades do traballo profesional nas áreas municipais de educación e cultura. Para iso, o evento organízase no marco do Proxecto Interea: iniciativas e recursos para a acción local, que a Deputación da Coruña promove dende 2001 a través dun convenio subscrito coas Universidades herculina e compostelá.
Pola súa banda, a conselleira de Cultura destacou que o eido local presenta “as mellores condicións para desenvolver unha política cultural integral, rompendo a tendencia das últimas décadas con caixas culturais orientadas á produción e oferta, e non á participación directa dos cidadáns”. Bugallo tamén falou sobre as políticas de aproximación dos gobernos locais, que en Galicia contan cun “excepcional punto de partida” como é un gran número de asociacións e grupos culturais “que foron prolongando o percorrido da cultura galega”.
O papel da cultura e da educación foi tratado por Lourenzo Fernández como “dúas partes do mesmo” nas que apoiarse para tender a ponte entre o pasado e o futuro apostando pola investigación, desenvolvemento, innovación e emprendemento. Na mesma liña, Lois Ferradás subliñou a importancia da ocasión para “participar nun proxecto destinado a cambiar o presente para mellorar o porvir” e fixo unha especial mención á necesidade da formación no paso de estudantes a profesionais.
Deseguido, representantes dos concellos de Betanzos, Compostela, Allariz e Ames participaron nun panel sobre as políticas locais. O mapa formativo da acción socioeducativa e cultural local foi a cuestión á que se dedicou o resto da xornada deste mércores.
Xornada do xovesA sesión deste xoves comezará ás 9:30 horas cunha charla sobre a acción educativa e cultural pública en Galicia na que tamén se presentará ‘Interea Formación. Proposta de Plan formativo para persoal técnico en cultura e educación dos Concellos da Provincia da Coruña’. Xa ás 11:30 horas, técnicos culturais e sociais de Moaña, Aranga, Rois, Foz e Narón falarán sobre a súa experiencia profesional e, ás 13:00 horas, o alumnado explicará a acción cultural universitaria nunha mesa presentada polo investigador da USC, Pablo Montero Souto, e na que participan membros das tres universidades galegas.
Pola tarde, varios expertos abordarán ás 16:30 horas a profesionalización en Educación e Cultura a través da formación práctica. Logo, ás 19:00 horas, grupos universitarios e axentes culturais participarán nun debate.
Acción socioeducativa e cultural localPara analizar o estado das políticas públicas e das prácticas profesionais que se realizan en distintos ámbitos da acción socioeducativa e cultural local, as sesións de traballo do congreso reunirán a máis de trinta destacados representantes da vida municipal galega. Estarán presentes distintos cargos políticos, en representación de distintos partidos e concellos da provincia, quer rurais quer urbanos, de costa e de interior.
Tamén asistirán técnicos municipais que desempeñan o seu labor como animadores socioculturais, educadores ambientais, educadores sociais, normalizadores lingüísticos, axentes de igualdade, axentes locais de emprego… entre outros. A estes relatorios engadiranse presentacións de experiencias no terreo das artes escénicas, musicais, plásticas e audiovisuais; habilitándose tamén un espazo do congreso para o achegamento a diversos contextos socioeducativos ligados ao lecer e ao patrimonio cultural e paisaxístico.
Proxecto intereaO Proxecto interea ten o obxectivo de promover e mellorar a iniciativa municipal en materia educativa e cultural, para o cal leva a cabo un amplo conxunto de actividades, entre as que destacan os labores de investigación realizados arredor da vida cultural local, o desenvolvemento do Plan formativo da Área de Cultura, Educación e Patrimonio Histórico-Artístico, así como a edición e publicación da revista interea visual e da Colección Cadernos Temáticos para a Acción Cultural Local.
O equipoque leva a cabo o proxecto está integrado por persoal docente e investigador así como por bolseiros do Grupo SEPA, contando ademais cunha crecente participación de técnicos municipios e profesionais da educación. Este equipo, que ten como coordinador científico-técnico ao catedrático José Antonio Caride Gómez, traballa en tres grandes áreas de investigación, formación e edición, coordinadas respectivamente por Belén Caballo Villar, Carmen Morán de Castro e Héctor Pose Porto, este último da Universidade da Coruña.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.02.2008.