Meteoritos e coleópteros centran os obradoiros de maio do Museo de Historia Natural da USC

O Museo de Historia Natural da USC organiza o vindeiro mes de maio dous novos obradoiros para nenos e nenas de 6 a 12 anos que impartirán os biólogos María José López Fernández e Daniel Castro Fernández.
O primeiro deles leva por título ‘Meteoritos, visitantes doutros mundos’ e consistirá nunha visita guiada á exposición de meteoritos do Museo para coñecer a súa orixe, tipos existentes e poder destrutivo. Haberá tamén tempo para unha sesión de manualidades ao redor destes corpos extraterrestres.
O segundo obradoiro terá lugar o día 20, con motivo do Día Internacional da Diversidade Biolóxica, e xirará en torno aos coleópteros e ás máis dun millón de especies descritas. Na xornada coñeceranse de maneira lúdica as coleccións de coleópteros do Museo e fabricarán maquetas con diferentes materiais.
Para participar é necesario facer reserva previa, polo menos con dous días de antelación á data do obradoiro.