A metodoloxía da USC para detectar SARS-CoV-2 en augas residuais está a ser aplicada en Abu Dabi
A vixilancia e detección do SARS-CoV-2 en augas residuais permite predicir a aparición da carga viral nos cidadáns e poder tomar así medidas preventivas. Esta é a liña de investigación que está a coordinar, dende o Centro Singular CRETUS, o profesor da USC Juan M. Lema Rodicio. O equipo investigador descubriu que a concentración de ARN era máis elevada nos lodos que nas augas, proporcionando datos máis precisos e estables. En virtude dun convenio con Augas de Galicia e varias empresas de xestión da auga da comunidade, o equipo científico validou e perfeccionou unha metodoloxía propia que está a ser tamén aplicada nos Emiratos Árabes, en colaboración coa empresa Aqualia, a cuarta compañía de xestión da auga de Europa.
“Cando se inicia a pandemia en España, no mes de marzo do pasado ano, e se descobre en Holanda a presenza de material xenético do virus nas augas residuais, puxémonos a traballar inmediatamente neste enfoque. Comezamos facendo un seguimento nas estacións depuradoras de Ourense e Santiago, en colaboración con Viaqua, e fomos detectando que canto maiores eran as cifras de contaxiados, maior era a presenza do ARN do virus nas augas residuais”, explica Lema Rodicio.
Durante os meses de verán levaron a cabo un seguimento nas plantas depuradoras de Ourense, Vigo, Lugo, Ferrol, Viveiro, Sanxenxo, Ribeira e Burela. Unha vez validado o protocolo, quedou a disposición de Augas de Galicia e das empresas, varias das cales xa o puxeron en marcha. “A toma de mostras na auga, aínda que sexa composta ao longo do día, pode non reflectir a carga vírica real. Pola contra, os lodos manteñen un tempo de residencia elevado no sistema, polo que permiten integrar a carga viral diaria, é dicir, fai posible medir o que ocorre ao longo de todo o día”, explican os investigadores. O profesor Lema indica que, dado que o material xenético do virus é hidrófobo, tende a adherirse ás partículas sólidas, de xeito que cando se separan no decantador da planta depuradora, aí queda retida a maior proporción da carga viral.
Microdoazóns
A USC ten en marcha o programa de micromecenado ‘Sumo Valor’, unha iniciativa da Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade co apoio do Consello Social. Unha das liñas deste programa céntrase na loita contra a COVID-19, a través do apoio a investigacións de diferentes áreas de coñecemento que contribúan a combater e paliar os efectos da pandemia na sociedade. Empresas e particulares poden apoiar estas investigacións vencelladas ao SARS-CoV-2 mediante microdoazóns por valor non superior aos 3.000 euros, xa sexa unha cantidade monetaria ou un ben. As doazóns poden realizarse a través da páxina web do programa.
“É necesario que a poboación se conciencie de que a investigación é un elemento esencial para o desenvolvemento da sociedade”, apunta Juan Lema. “Así como nos períodos anteriores á Revolución Industrial a riqueza dun país residía nos seus recursos e posteriormente na súa transformación, no século XXI é o coñecemento o principal activo dunha sociedade, polo que investir en ciencia resulta vital. O micromecenado é precisamente unha resposta da sociedade a esta concienciación; os cidadáns valoran de xeito individual a relevancia de comprometer recursos económicos, o que está moi estendido noutros países, onde a investigación se financia en gran medida con aportacións privadas” conclúe Juan Lema, responsable dunha das investigacións que reciben financiamento a través de ‘Sumo Valor’.