A mexicana Gualupe Oropeza, da Universidade La Salle, coñece o modelo de xestión do campus lugués co programa Stella for Staff
A mexicana Guadalupe Oropeza, asistente da Vicerreitoría Académica da Universidade de Lasalle, está a completar unha visita ao campus de Lugo da USC a través do programa de mobilidade internacional Stella for Staff, coa finalidade de coñecer de primeira man o sistema de gobernanza da sede universitaria luguesa e o seu modelo de xestión.
Acompañada da responsable do programa de mobilidade de persoal de administración e servizos Stella for Satff na USC, Carmen Varela, a representante universitaria mexicana comezou este luns a suá estadía en Lugo cunha recepción institucional na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, a cargo de Javier Bueno. Os vicerreitores de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico, Andrés Barreiro, e de Servizos Universitarios, Carme Silva, tamén participaron nesta primeira xuntanza, un encontro que aproveitaron para facer unha presentación do campus de Lugo, así como da súa estrutura de goberno, competencias, programas, actividades, servizos... O programa de actividades programado por Guadalupe Oropeza durante a súa estadía no campus de Lugo da USC é amplo e inclúe visitas aos distintos departamentos e unidades de traballo da sede universitaria, a fin de poder coñecer polo miúdo as competencias e tarefas de cada sección, así como a xestión económica e de persoal e mesmo accións relativas a xestión e conservación do patrimonio.
Os procedementos de admisión de alumnado e matrícula na USC, e a súa relación cos centros de posgrao, a programación cultural e deportiva do campus lugués, así como as iniciativas de voluntariado universitario e promoción social ou mesmo as estruturas e plataformas e centros de investigación emprazados en Lugo, son algunhas das cuestións sobre as que Guadalupe Oropeza manifestou ter especial interese en coñecer.